Logo do seu paso polos festivais de Málaga e Roma, este venres 18 de decembro chega ás salas de cinema Hasta el Cielo, a última película de Daniel Calparsoro, producida por Vaca Films.
Trátase dun thriller trepidante de atracos inspirado en feitos reais. En palabras do seu director, Hasta el cielo “conta a historia dun soño, de todo o que tes que sacrificar para alcanzalo”. Conta cun elenco de novos actores e actrices encabezados por Miguel Herrán e Carolina Yuste e coa presenza de Luis Tosar, actor habitual nas producións de Vaca.
Falamos sobre a súa rodaxe e dos próximos proxectos co noso asociado Borja Pena, produtor do filme.
Chega ás salas de cinena Hasta el cielo. Volvedes traballar con Daniel Calparsoro, logo de Cien años de perdón pero, nesta ocasión é unha pelicula de atracos moi diferente. Que foi o que vos atraeu dela para embarcarvos na súa produción?
Dani contounos a idea que lle roldaba á cabeza xusto cando rematamos Cien Años de Perdón, e cativounos decontado. As pelis de roubos sempre nos interesan, e esta tiña todos os elementos para ser unha das boas: inspirada en personaxes reais, atracos espectaculares, con fondo social e mulleres que rematan moi empoderadas e sendo case as protagonistas de la película.
Voltades contar tamén co noso asociado Luis Tosar, un dos actores cos que traballades habitualmente. Como é a vosa relación con el?
Son moitos anos e moitas pelis xa con Luis. A nosa relación é xa de amizade, pero iso non significa que se apunte sempre ás nosas pelis, de feito deunos varios nons. A Luis admirámolo moito. É un dos actores máis finos de España, senón o que máis. É capaz de facer moito sen practicamente xesticular. Iso está ao alcance de moi poucos. Ademais sempre é un gusto traballar con el, é moi xeneroso cos seus compañeiros e iso no set e no día a día da rodaxe nótase, e agradécese moito.
“As pelis de roubos sempre nos interesan, e esta tiña todos os elementos para ser unha das boas: inspirada en personaxes reais, atracos espectaculares, con fondo social e mulleres que rematan moi empoderadas”
Borja Pena, Vaca Films
O elenco reúne un grupo de artistas moi novos: Miguel Herrán, Ayax, Dollar Selmouni, Jarfaiter ou Carolina Yuste, como foi a rodaxe con eles?
A rodaxe foi dura porque era unha peli moi esixente e complexa, pero o cast púxoo todo para levalo a bo rumbo. Especial mención para Miguel, que tiña rodaxe todos os días, con longas e duras sesións. Carolina fixo un papel espectacular. E o resto do elenco fixérono moi ben. Son actores que veñen do mundo do rap e, de certa forma, xa están acostumados a estar diante dos focos, por iso conseguiron tanta naturalidade nas súas actuacións. Estamos moi orgullosos do traballo de todo o cast, e non era doado. Corrimos o risco de fichar a moitos non actores, e a aposta saíu ben.
A banda sonora de Carlos Jean ten unha gran presenza na película, con temas de música urbana a cargo de C. Tangana, Mala Rodríguez ou Dj Nano. Que fixo que vos decantásedes por Carlos Jean? Foi unha decisión creativa ou de produción?
Pois 50/50 xa que a banda sonora necesitaba por unha banda moita música electrónica, e Carlos podía facelo, e por otra precisabamos unha persoa coa que compoñer algún single comercial que axudase ao lanzamento, e con bos contactos na industria para xestionar dereitos. Carlos reunía todo isto. E ademais é galego.
Nos vosos traballos acostumades contar cun equipo recorrente, con moitos profesionais galegos: Curru Garabal, María Liaño, Jorge Coira, Raquel Fidalgo, Juan Galiñanes… como é o traballo con eles?
Nós sempre tratamos de traballar con xente galega. Vai no noso ADN. O traballo é fantástico e fai moitos anos que nos coñecemos, así que case siempre adoita fluír todo de xeito moi orgánico. Galicia está chea de grandes técnicos, de feito hai algúns que están entre os mellores de España. Como Luis Tosar. Galicia Calidade.
A estrea da película aprazouse por culpa da crise sanitaria. Como afectou a Covid-19 a outros proxectos que tedes en marcha?
Por agora non afectou moito. Algún retraso menor na postprodución de Hasta el Cielo e El Desorden que Dejas, pero pouco máis. Teremos un 2021 completiño con, polo menos, unha película e outra serie máis.
“Nós sempre tratamos de traballar con xente galega. Vai no noso ADN (…). Galicia está chea de grandes técnicos, de feito hai algúns que están entre os mellores de España”.
Borja Pena, Vaca Films
Fai 17 anos que Emma Lustres e ti fundastes Vaca Films, cales consideras que son os fitos da vosa traxectoria?
Eu diría que foron Somne, a nosa primeira coprodución, en 2004. O éxito de Celda 211 en 2009 e de El Niño en 2014 e, máis recentemente, a nosa primeira serie, La Unidad. Sen esquecer todos os títulos con Daniel Calparsoro, co que xa nos une unha relación de amizade e confianza plena.