O audiovisual galego celebrou onte a súa noite máis esperada do ano no Teatro Jofre de Ferrol. Ao redor da entrega dos Premios Mestre Mateo 2007 reuníronse autoridades institucionais, representantes da vida social e económica de Galicia e, moi especialmente, de todas as asociacións e sectores profesionais da familia audiovisual galega.
Na Gala, retransmitida por TVG e presentada por Antonio Durán (Morris) e Manuel Manquiña, déronse a coñecer os nomes dos premiados con cada unha das 25 estatuiñas que representan as categorías dos galardóns, e que este ano recaeron en:
Mellor longametraxe
“O neno de barro”, de Adivina Producciones.
Longametraxe de animación
“Gritos en el pasillo” de Perro Verde Films.
Programa de TV
“Historias de Galicia” de TVG.
Serie de TV
“Air Galicia” de Producións Zopilote; CTV.
Documental
“Historia dunha parroquia” de Bren Entertainment S.A.
Obra experimental ou interactiva
“Cousas do Kulechov” de Susana Rey Crespo
Obra publicitaria
“Vivamos como galegos” (Gadisa) de Congo Producciones Audiovisuales y Gráficas, S.L.
Curtametraxe de ficción
“Adeus Edrada?” de Rubén Riós; Alem Filmes.
Curtametraxe de animación
“A flor máis grande do mundo” de Continental Producciones, S.L.
Dirección de produción
María Liaño, por “Hotel Tívoli”.
Dirección de fotografía
Suso Bello, por “O neno de barro”.
Maquillaxe e perruquería
Beata Wojtowicz, por “O neno de barro”.
Deseño de vestiario
Cecilia Monti, por “O neno de barro”.
Dirección artística
Mariela Rípodas, por “O neno de barro”.
Montaxe
Guillermo Represa e Rodrigo Cortés, por “Concursante”.
Son
Alfonso Couceiro e Víctor Seixo, por “A vida por diante”.
Guión
Jorge Algora, Christian Busquier e Héctor Carré, por “O neno de barro”.
Música orixinal
Nani García, por “O neno de barro”.
Dirección
Jorge Algora, por “O neno de barro”.
Realización
Ricardo Llovo, por “Historias de Galicia”.
Comunicador de TV
Xosé Barato, por “Historias de Galicia”.
Interpretación masculina protagonista
Chete Lera, por “O neno de barro”.
Interpretación feminina protagonista
María Bouzas, por “Unha muller invisible”.
Interpretación masculina de reparto
Luis Zahera, por “Concursante”.
Interpretación feminina de reparto
Mabel Rivera, por “Hotel Tívoli”.
No transcurso da Gala, a Presidenta da Academia Galega do Audiovisual María Bouzas comparou o encontro coa “festa de fin de curso”, na que están xuntos os profesionais e o público celebrando que “o audiovisual galego vive e da moito de sí”. Salientou o punto en común de tantos profesionais “que contan historias, inventan mundos e personaxes moi diferentes”, e é que “facémolo dende aquí, dende Galicia, e iso é algo que temos que celebrar”.
Ademais dos gañadores nas 25 categorías, o polifacético actor Ernesto Chao, o que fora o primeiro Presidente da AGA, recolleu o Premio de Honra Fernando Rey. Esta é a primeira ocasión na historia da entidade na que este galardón recae nas mans dun actor.
A Academia Galega do Audiovisual aproveitou a gran cita do ano para facer unha pequena homenaxe aos compañeiros falecidos nos últimos doce meses a través dunhas imaxes nas que se lembraron as figuras de Pedro Amalio López (director e realizador de TV), Eduardo Díaz (redactor), Aquilino “Quino” González (cámara de TV), Emilio Mac Gregor (director-realizador), Agustín Díaz (redactor), Eugenio Pena (director e realizador de TV) e John Balan (artista).
A Gala dos Premios Mestre Mateo 2007 tivo como patrocinadores, pola Xunta de Galicia, ás consellerías de Presidencia; Cultura e Deportes; e Innovación e Industria (a través das súas direccións xerais de Comunicación Audiovisual; Creación e Difusión Cultural; e Promoción Industrial e Sociedade da Información, respectivamente), así como á Concellaría de Cultura e Promoción Turística do Concello de Ferrol, a Fundación Caixa Galicia e a Televisión de Galicia. Os colaboradores da presente edición foron: Fundación Aisge, Gadisa, SGAE-Fundación Autor, e Spica.