O antigo cine Valle Inclán da Coruña acolleu a entrega do X Premio José Sellier, un galardón que concede a Academia Galega do Audiovisual para recoñecer iniciativas salientables do noso sector, outorgado á revista de crítica cinematográfica A Cuarta Parede.
O acto, no que Julieta Barro, Paul Álvarez e Iago Mouriño interpretaron versións de bandas sonoras de cinema, foi conducido pola presentadora e xornalista María Solar, quen destacou que a velada era tamén “unha cita para vernos as caras e darnos apertas. Para falarmos, saber uns dos outros e para alegrarnos”.
O Concello da Coruña, entidade cuxo apoio fai posible a celebración deste evento, estivo representado polo Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá e primeiro tenente de alcaldesa Juan Ignacio Borrego, quen parabenizou á Academia pola organización do premio e destacou a súa importancia para toda a cidadanía.
No acto tamén estiveron presentes dous tataranetos do pioneiro do cinema que lle dá nome ao galardón, Alfredo e Marta Sellier, quen foron os encargados de entregar o trofeo conmemorativo a Jesús Silva, director de A Cuarta Parede.
Para conmemorar o décimo aniversario do premio presentouse o novo trofeo, deseñado polo artesán coruñés Teodoro Castro, que reproduce a cámara Lumiere coa que Sellier gravou aquelas primeiras imaxes da vida cotiá na cidade da Coruña.
A Academia quixo recoñecer o traballo da publicación “por ampliar a presenza da cultura galega a novos ámbitos e facer un traballo imprescindible a prol da análise e o diálogo arredor da obra cinematográfica. Por levar a cabo un traballo case artesanal, con rigor e entusiasmo, nestes tempos nos que prima o inmediato a golpe de clic. Por implicar a novas voces e axudarnos a ser un público informado achegándonos a películas, cineastas e festivais. Por difundir o cinema feito en Galicia e seguir sendo, dez anos despois da súa fundación, un espazo vivo de referencia para a reflexión e a creación”.
Ademáis do actual director, Jesús Silva, A Cuarta Parede estivo representada por un dos seus fundadores, Víctor Paz, e dous ex-directores: Brais Romero e Iván Villarmea.
A celebración do X Premio José Sellier é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual, que conta co apoio do Concello da Coruña e a colaboración de Cega Audiovisuales e á bodega Paco & Lola. O estilismo de María Solar é unha colaboración de Elsavadeboda.