A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) vai dar apoio á presenza galega no 60º Festival de Cine de San Sebastián. Con vistas a promocionar ás películas galegas Los increíbles e Operación E, organizará unha recepción. Ademais, propiciará un encontro entre produtores galegos e brasileiros.
A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) estará presente, co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), na 60ª edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, para apoiar as producións galegas Los increíbles e Operación E, seleccionadas para as seccións Novos Directores e Zabaltegi Especiais, respectivamente. Los increíbles é unha longametraxe documental coproducida pola empresa galega Frida Films e a catalana Salto de Eje. Escrita e dirixida por David Valero, ofrece un percorrido polo día a día de tres heroes cotiás (A Dama de Ferro, A Rota e A Muller Radiactiva), tres persoas que sofren as adversidades da vida e que loitan contra os máis terribles inimigos: a morte, o desamor e a soidade. Los increíbles opta no certame donostiarra ao Premio Kutxa-Novos Directores, dotado con 90.000 euros, nunha sección internacional na que compiten primeiras ou segundas obras dos seus directores. Pola súa parte, Operación E é unha coprodución hispano-francesa, na que a empresa galega ZircoZine participa xunto con Tormenta Films e Ajoz Films, e que conta coa colaboración de TVE, Canal+ Francia e o apoio do ICAA. O filme está dirixido polo hispano-francés Miguel Courtois, realizador de GAL e Lobo, de novo cun guión firmado por Antonio Onetti. O protagonista é o actor galego Luis Tosar, quen da vida a un campesiño colombiano nun papel novidoso dentro da súa filmografía. Acompáñano no elenco a actriz colombiana Martina García e o tamén galego Farruco Castromán, entre outros.
AGADIC organizará, co fin de promocionar ambos filmes en San Sebastián, unha recepción para a prensa especializada e os profesionais acreditados no festival. O acto terá lugar o luns 24 de setembro na sede principal do Kursaal e, como nas anteriores actividades de promoción internacional do cine galego, contará tamén coa colaboración da Denominación de Orixe Ribeiro. A Axencia promove, ademais, o desprazamento á capital guipuzcoana dunha delegación galega, integrada polos representantes dun total de 12 empresas, para participar nun encontro con produtores brasileiros. Esta reunión ten como finalidade avanzar nos proxectos que se presentarán ao Fondo de Coproducción Galicia-Brasil, cuxa convocatoria está inicialmente prevista para principios do ano 2013. Ao mesmo tempo, os produtores galegos terán a oportunidade de participar no I Foro de Coproducción Europa-América Latina, que organiza o propio Festival de Cine de San Sebastián. A Xunta de Galicia, a través de AGADIC, tamén promocionará o audiovisual galego noutras destacadas citas internacionais que terán lugar nos próximos meses. Trátase do MIPCOM de Cannes, o mercado de referencia a nivel mundial en canto a contidos audiovisuais, e do encontro Ventana Sur de Bos Aires, o máis importante foro de compra-venta de producto cinematográfico de América Latina. Ademais, o cine galego contará con representación no Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges a través da película Invasor, dirixida por Miguel Albadalejo e producida polas produtoras Vaca Films e Morena Films.