Un equipo de 13 profesionais de perfil xurídico-financeiro procedentes de sete empresas asociadas ao Clúster Audiovisual Galego, CLAG, participan estes días -do 7 ao 9 de maio- en Santiago de Compostela nun curso sobre “ Xestión do negocio da música” impartido por expertos do panorama musical co obxectivo de profundizar nos procedementos de negociación dos dereitos musicais á hora de incluir cancións ou obras musicais nas diferentes producións audiovisuais Este seminario enmárcase no programa de “Seminarios de la Música” que está a celebrar o Institut d´Educació Contínua da Universitat Pompeu Fabra xunto á Fundación Autor, PROMUSICAE (Produtoras de Música de España) e o Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX), constituíndo o primeiro seminario deste programa que continuará polas cidades de Bilbao, Madrid, Barcelona, Jerez, Valladolid, Palma, Oviedo e Tenerife ata o mes de novembro.
O CLAG financia a participación deste equipo de profesionais -asesores xurídicos, directores financeiros, directores de desenvolvemento e produtores- no seminario ofrecéndolles a oportunidade de explorar o marco legal que xurde da estreita relación entre o sector audiovisual e o musical. O seminario celébrase no Vivero de Empresas da Cámara de Comercio de Santiago no polígono de Costa Vella en horario de 10:00 a 19:00 horas ao longo das tres xornadas, estando confirmada a asistencia de Voz Audiovisual, Filmanova, Continental Producciones, Adivina Producciones, Ficción Producciones, Dygra Films e Televisión de Galicia.
Este seminario especializado caracterízase pola gran solvencia profesional dos profesores que o imparten, entre os que destacan: Mariano Pérez, asesor de Warner Music; Santiago Ricart de A&R Manager de SONY ATV; Antonio Guisasola, presidente de AGEDI e Promusicae; Helena Núñez, directora de Producción de Keltia Producciones; David Loscos, director do Programa en Xestión de Empresas na Industria da Música do idEC –Universitat Pompeu Fabra; Fernando Luaces, fundador e director da discográfica BOA; Juan Miguel Márquez, director da División de Promoción de Servicios do ICEX; e Enric Enrich, presidente da sección de Propiedade Intelectual e Dereitos de Imaxe do Colexio de Avogados de Barcelona.
O seminario “Xestión do Negocio da Música” contempla a análise de diversos contidos do negocio da música coma as funcións do manager, as da compañía de música, as do negocio editorial; a explotación dixital; os tipos de contratos neste eido; o plan de marketing, ou o plan de viabilidade dun proxecto musical. Asemade, analízanse as funcións dos diferentes axentes do negocio musical como a AGEDI (Asociación de Dereitos Intelectuais), o ICEX ou a SGAE, e no caso concreto de Galicia, explóranse as liñas de apoio empresarial da Administración Pública de Galicia coa participación de Miguel Martín, xerente do IGAEM e Rafael Juanatey Mayán, subdirector xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria da Xunta .