ELIXIDA A NOVA XUNTA DIRECTIVA DA ACADEMIA GALEGA DO AUDIOVISUAL, PRESIDIDA POLO ACTOR XOSÉ MANUEL OLVEIRA, “PICO”

30 / 05 / 2009

A Academia Galega do Audovisual conta dende onte cunha nova Xunta Directiva. A Asemblea da entidade celebrada na Coruña a última hora do venres  elixiu a única candidatura presentada para dirixir a Academia nos vindeiros dous anos, a duración de cada mandato segundo os estatutos aprobados en 2007.

O actor Xosé Manuel Olveira, Pico, é o novo Presidente da asociación que aglutina aos creadores e profesionais do audiovisual galego, e substitúe neste cargo á actriz María Bouzas, quen tiña anunciada públicamente a súa decisión de non presentarse de novo ao cargo co fin de facilitar a renovación. Pico estará acompañado na nova Xunta Directiva por Rosa Álvarez Cabo, Carlos Ares Pérez, Montse Besada Vergara, Pepe Coira Nieto, Fernanda del Nido, Sandra Díaz Frantz, Nani García, Marcos Nine Búa e Tania Rodríguez Pino.

Na súa intervención no transcurso do acto, Pico salientou que a nova etapa será de  continuidade e que o traballo encamiñarase a seguir consolidando a razón de ser da Academia: conformar un espazo común para todos os que traballan nos múltiples oficios do audiovisual, defendendo os intereses comúns independentemente das diversas sensibilidades e puntos de vista; favorecer o coñecemento social deste sector da cultura e da industria, e promover a formación dos seus profesionais; e defender o prestixio e bo nome do audiovisual galego. 

Creada en 2002, a Academia Galega do Audiovisual reúne a máis de douscentos profesionais que traballan nas diversas especialidades do sector: Arte, Dirección, Escritura, Fotografía, Interpretación, Música, Post-produción, Produción, Promoción e Son. 

Categoría: Novas
Etiquetas: