Elixir un bo modelo de negocio e crear unha marca potente son dous dos elementos clave para o éxito dunha produción cinematográfica. Así o explicou o produtor executivo e fundador da compañía Ikiru Films, Edmon Roch, durante a súa participación nun foro celebrado na tarde de onte, mércores, nas instalacións do Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA) de Arteixo, que organizou o Clúster Audiovisual Galego, en colaboración co MPXA e a Fundación Averhó.
Baixo o título “As grandes producións cinematográficas en España. O éxito de “El Niño””, Edmon Roch expuxo ante un auditorio integrado por produtores e alumnos do audiovisual galego as claves para facer dunha produción cinematográfica un produto de éxito. Para elo, Roch baseouse no proceso de financiamento e coprodución de “El Niño” e a súa explotación no mercado, aínda que tamén fixo referencia a outras grandes producións.
Durante o foro, que foi presentado polo presidente do Clag, Andrés Barbé, e a subdirectora da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, María José Arrojo, o produtor executivo de créditos como “El Niño”, “Las aventuras de Tadeo Jones”, “El perfume. Historia de un asesino”, entre outros, detallou o proceso de produción do filme “El Niño” desde as súas orixes, cando o director Daniel Monzón lle entregou o guión ata a súa estrea o pasado mes de agosto, pasando polo extraordinario cásting dos actores noveis, as dificultades no tratamento do son e o proceso de busca de financiamento.
Neste sentido, o relator salientou a importancia de elixir ben o modelo de negocio e advertiu da necesidade de garantir uns mínimos ingresos antes de comezar a producir unha película. Ademais, Roch subliñou a importancia de ter sempre en conta ao consumidor final ao que se dirixe e de crear unha marca potente do produto, que tamén facilitará o acceso ao financiamento.
No referente ás coproducións, Roch indicou que establecer con quen se vai coproducir un filme é “unha decisión determinante que pode condicionar o devir do proxecto”. En moitas ocasións, esta decisión vén dada polo interese de acceder ao financiamento nun determinado territorio e polas esixencias legais que rexen no mesmo. Outras veces, “o custe de rompela coprodución é maior que o de mantela”, dixo.
Durante a súa intervención, Roch dirixiu unha mensaxe de ánimo aos futuros produtores galegos. No labor de producir non hai nada imposible –asegurou-, quizais o que aconteza é que nunca se fixeran as cousas como se deberan de ter feito. Se o que se afronta é a posta en marcha do primeiro proxecto audiovisual, neste caso o criterio e a tenacidade son dous elementos clave para o éxito do traballo, asegurou. Un produtor –explicou- é “un conseguidor, tanto desde o punto de vista creativo coma financeiro”.
Masterclass sobre animación na Fundación Averhó
Pola mañá, o produtor tamén tivo ocasión de impartir a masterclass “’Tadeo Jones’, os logros da animación española” aos alumnos da segunda promoción do Programa Alta Especialización en Animación 3D da Fundación Averhó. Roch explicoulles como Tadeo Jones pasou de ser unha curta a converterse nunha longametraxe, e as fases e dificultades tanto técnicas como económicas polas que pasou o proxecto.
Para o produtor executivo facer unha película de animación é semellante a realizar unha de imaxe real, coa diferenza de que na animación hai que ser máis esixente cos contidos, dixo. O que está no guión non se pode modificar –advertiu- porque dar un paso atrás supón perda de tempo e de diñeiro.
“Tadeo Jones” foi a primeira experiencia no mundo da animación para Edmon Roch. Durante moito tempo pensou que esta sería a primeira e a última, asegurou. Pero afortunadamente, realizaron unha serie de Tadeo, e están traballando na segunda parte da película e a longametraxe “Capture the flag”.
Esta iniciativa é a primeira actuación levada a cabo de maneira conxunta polo Clag e Averhó trala sinatura dun acordo de colaboración entre ambas entidades, o pasado mes de setembro, para promover a formación de excelencia e a integración laboral de persoas con mobilidade reducida no sector audiovisual.
Por outra parte, o foro, que conta ademais co apoio do Igape a través da súa liña de axudas aos clusters galegos, enmarcouse no ciclo de xornadas e coloquios que vén desenvolvendo o Clag desde hai máis de dous anos, e que nesta edición contou coa colaboración do MPXA.