Dolores Ben, referente do noso audiovisual.

3 / 08 / 2020

O pasamento este mes de agosto de Dolores Ben, nada en Loiba en 1954, deixa unha gran tristura e moitísimas mostras de cariño e admiración de toda a profesión.

Muller pioneira do audiovisual galego, foi presidenta de AGAPI dende 2007 a 2019, e unha das principais figuras da dobraxe en Galicia tanto en Sonidor como en Cinemar Films. Co seu esforzo constante a prol da unión das e dos profesionais galegos e a súa determinación e bo facer contribuíu enormemente á construción e fortalecemento da industria audiovisual galega. Sempre mantendo o seu magnífico carácter e un gran orgullo e compromiso co sector e con Galicia.

No ano 2011, a Academia Galega do Audiovisual outorgoulle o premio de honra Fernando Rey en recoñecemento á súa carreira. As súas palabras seguen vixentes a día de hoxe.

Dende a Academia sumámonos á profunda dor pola súa perda e ao recoñecemento ao seu enorme labor.
Que a terra che sexa leve, Dolores.

Categoría: Novas
Etiquetas: