A parroquia de Pacios (O Incio) acolleu entre os días 1 e 6 de abril a gravación do documental Pacios. As fotos da memoria. Esta película narra a experiencia do fotógrafo e hosteleiro sarriao Antonio López Losada (Toño do Xarope) retratando a todos os veciños do lugar cunha cámara de placas antiga.
A parroquia de Pacios (O Incio) acolleu entre os días 1 e 6 de abril a gravación do documental Pacios. As fotos da memoria. Esta película narra a experiencia do fotógrafo e hosteleiro sarriao Antonio López Losada (Toño do Xarope) retratando a todos os veciños do lugar cunha cámara de placas antiga.
O proxecto de Toño parte da procura da súa propia memoria. Naceu en Pacios e viviu alí ata os 15 anos. Na actualidade a casa familiar está pechada, trala morte de seu pai e o traslado de súa nai a Sarria. Toño reencóntrase coas as súas raíces a través da linguaxe da arte, ao tempo que deixa testemuño da paisaxe humana dun lugar que parece condenado ao despoboamento. En Pacios viven na actualidade pouco máis de 20 persoas, a maioría maiores.
O documental segue este proceso de creación artística, así como a vida de Toño na parroquia durante os días en que desenvolve o proxecto: o seu achegamento aos veciños para retratalos alí onde se atopen, as conversas, os paseos, etc.
Pacios. As fotos da memoria é un documental escrito e dirixido por Manuel Darriba. Está producido pola empresa compostelá Tintimán, con Comba Campoy como produtora executiva e Cora Peña como directora de fotografía e montadora. A película conta cunha axuda da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.
Manuel Darriba é escritor, xornalista e guionista. Escribiu e dirixiu os documentais Tolos por Xapón (nominado aos premios Mestre Mateo no 2008) e Prodixiosos, ambos emitidos na TVG, e desenvolve diversos proxectos de ficción para cine e televisión. Como xornalista colabora habitualmente nos suplementos de El Mundo. A súa obra literaria en galego abrangue unha ducia de títulos, algúns deles traducidos ao castelán e premiados.
Comba Campoy é xornalista, actriz e programadora cultural. Xunto con Cora Peña creou en Compostela a produtora Tintimán, coa que levan realizado varios documentais de temática social, cultural ou histórica.
Cora Peña é operadora, directora de fotografía e montadora. Ten exercido estas funcións en series documentais, publicidade e obras de ficción, entre elas a curta Caracol, col, col, gañadora dun Goya na categoría de curta animada.
O equipo de rodaxe completouse con Javier Romo, técnico de son habitual en series coma Matalobos e Padre Casares.