O documental gallego Vikingland, dirixido por Xurxo Chirro e producido por Fílmika Galaika, participa na competición internacional do 22º Festival FIDMarsella, que se desenvolverá do 6 ao 12 de xullo. É a única película española a concurso. Vikingland trata sobre Luis Lomba “O Haia”, un mariñeiro de A Guarda que, traballando nun ferry entre a cidade danesa de Romo e a illa alemana de Sylt, gravou a súa vida cotiá e a dos seus compañeiros durante diversas travesías, entre o outono de 1993 e o inverno de 1994. Ese material de arquivo é a base dun ensaio experimental sobre a emigración galega no Norte de Europa que toma como inspiración a novela Moby Dick, de Herman Melville.
O certame FIDMarsella é un dos festivais de referencia no ámbito da non ficción e, ao longo da súa historia, consolidouse como unha cita imprescindible para comprender as mutacións do cine contemporáneo e a crecente hibridación entre os rexistros narrativos e documentais. A estrea mundial de Vikingland terá lugar en Marsella, no marco do festival, o venres 8 de xullo, e contará coa presenza do director, Xurxo Chirro.