Mañá, 23 de xullo, terá lugar a presentación de OFestivalON 2010, que abarcará os días 28, 29, 30, 31 de xullo e 1 de agosto, unha nova edición desta orixinal iniciativa que combina cine, actuacións musicais, actividades infantís e moita diversión. O acto terá lugar ás 12 horas no Cine Teatro. Así, explicarase o completo programa que este ano espera ós amantes deste festival, entre o que se incluirá o xa consolidado certame A Toda Mecha: Curtas Express e as proxeccións que se levarán a cabo no Cantón dos Moreno, no Auditorio e no Cine Teatro.
Por outra banda, a programación abarca unha serie de novidades con respecto a pasadas edicións, coma a nova sección Books 4U, que incluirá a presentación de dous obras literarias. A primeira delas, a novela de Carlos Reigosa “A Lei das ánimas”, o venres 30 ás 20.30 horas. A esta súmase o libro “Cine y televisión digital. Manual técnico” de Jorge Carrasco, que será presentado o sábado ás 13 horas tamén no Cantón dos Moreno, punto neurálxico do festival.
Universo Crebinsky
O Universo Crebinsky mistura cine e música nun mesmo pack que incluirá pasarrúas, proxección da película e concerto. A película (protagonizada por Luis Tosar, Miguel De Lira, Sergio Zearreta e Celso Bugallo) fala de dous irmáns que recollen as “crebas” que o mar deposita na costa e dunha guerra incomprensible con nazis e aliados. Unha produción galega rodada en Ortegal, Santiago e Portomarín, e dirixida por Enrique Otero, que se proxectará o venres ás 21.30 horas no Cine Teatro.
Esta road movie percorrerá, ademais, o sábado 31 as rúas de Ribadeo e o grupo que interpreta a banda sonora de Os Crebinsky ofrecerá un concerto o sábado trala gala de entrega de premios.