Esta mañá Xosé Zapata e Rafael Calvo- coodirectores de Linko-, Andrea Vaz -con Lo que pasa al encenderse-, Manuel I. Nanín -director de O demais– e Bruno Nieto e Andrea Lorenzo- director e produtora de Mil sorrisos & un perdón-, falaron polo miúdo dos seus traballos e conversaron sobre os principais problemas que se atoparon para afrontar os seus proxectos.
Zapata e Calvo comezaron comentando as súas dúbidas iniciais para poder rodar a cinta polo baixo orzamento que posuían nun inicio, demorándose o tempo da rodaxe aproximadamente nuns cinco anos. Linko é un filme de aventuras no que logo dunha guerra global que destrúe a civilización, bandas de piratas atacan e rouban aos escasos sobreviventes. Trátase do primeiro filme galego en integrar persoas reais en escenarios dixitais e, despois de estar incluída nas Sesións especiais do OUFF, esta será a súa estrea en Galicia.
Englobada en Panorama Galicia tamén podemos atopar a curtametraxe O demais, de Manuel I. Nanín. O ourensán explicou como, a raíz duns textos que xa tiña feitos dende hai tempo, decidiu gravar coa súa moza e unha “cámara caseira” a cidade de Porto. O director declarouse “un apaixoado do cine. Para facer algo teño que ter unha necesidade interna de expresalo e en O demais pódense ver un conxunto de planos que a priori non di nada pero se se busca atópase ese sentimento, algo de fondo”.
Andrea Vaz, pola súa banda, presentou a curtametraxe Lo que pasa al encenderse, de Roberto de la Torre. Na peza, que é un thriller sobre o maltrato, tres mozos sofren un contratempo no medio da nada e atopan unha aldea onde o pasado segue patente entre as súas casas. O proceso de rodaxe foi complicado polas diferentes localizacións e tamén “polo escaso orzamento, que aportaron eles mesmos do seu bolsillo ao non ter financiamento externo”.
Para terminar a rolda de presentacións, Bruno Nieto e Andrea Lorenzo- director e produtora de Mil sorrisos & un perdón– falaron polo miúdo do documental que se estrea mañá no Teatro Principal dentro das Sesións Especiais do 19OUFF. Conta unha historia de superación xa que en 2004, Dani, o protagonista, foi atropelado por unhomer que conducía bébedo. En palabras do director, “a Dani tiveron que amputarlle unha perna, pero xamais perdeu as ganas de sorrir e ser feliz. Nunca pensou que despois de dez anos estaría disposto a perdoar á persoa que lle cambiou a vida para sempre”. Ambos quixeron resaltar que o documental “ ‘non ten un ton triste a pesares de ser unha historia cruda. Sempre procuramos amosar os valores como a superación, positivismo e felicidade”. Non quixeron despedirse sen agradecer aos colaboradores do proxecto durante o seu proceso de financiamento a súa axuda porque “ este é un proxecto da xente. Estamos hoxe aquí grazas ao seu apoio.”
.