O Centro Galego de Artes da Imaxe inaugura mañá mércores día 30 de xaneiro (18.00 e 20.30 horas) unha nova sección na súa programación, Desencadres, co traballo máis célebre de Jonas Mekas, Reminiscencias de un viaje a Lituania (1971/1972). Desencadres refírese a pezas e xentes fóra de toda delimitación, afastados do recadro evidente, o que permite recuperar ou presentar propostas de vangarda, nomes adscritos a un cine de condición experimental.
Un deles, pai e animador do cine de vangarda na era moderna, é o veterano (e activo) Jonas Mekas (1922), para o que aproveitamos polo demais a edición que fai Intermedio de parte da súa obra coa proxección de Reminiscencias de un viaje a Lituania (1971/1972), produción a modo de diario poético, e a crónica matrimonial de cinco horas (xoves 31 de xaneiro, 18.00 horas) En el camino, de cuando en cuando, vislumbré breves momentos de belleza (As I was moving Ahead Occasionally I Saw Brief Glimpses of Beauty), que proxectamos en dúas partes consecutivas.
En vindeiras semanas dedicaremos sesións (coa súa presenza) a Laida Lertxundi e Nathaniel Dorsky (e Jerome Hiler).
Mércores 30 de xaneiro (18.00 e 20.30 horas)
REMINISCENCES OF A JOURNEY TO LITHUANIA / REMINISCENCIAS DE UN VIAJE A LITUANIA
(Estados Unidos, 1971/1972)
Dirección, guión e fotografía: Jonas Mekas. Produción: Vaughan Films. Duración: 88 minutos.
Unha das magníficas pezas-diario de Jonas Mekas. O autor recolle o seu regreso –xunto ao seu irmán Adolfas– a Lituania en 1971, logo de 27 anos de ausencia, cando durante a II Guerra Mundial foran obrigados a ingresar nun campo de traballo alemán. Alí atopan a nai, a familiares, a amigos. O filme recupera as filmacións dos primeiros anos dos irmáns en Estados Unidos, as súas aspiracións artísticas, a vida cultural en Nova York, ata unha viaxe a Viena na que atopan amigos queridos como Peter Kubelka. O método de filmación persoal de Mekas, coa emoción e intensidade do presente en primeiro plano, é tamén unha sublime indagación nos aspectos técnicos e narrativos do propio cine.
Xoves 31 de xaneiro (18.00 horas)
AS I WAS MOVING AHEAD OCCASIONALLY I SAW BRIEF GLIMPSES OF BEAUTY / EN EL CAMINO, DE CUANDO EN CUANDO, VISLUMBRÉ BREVES MOMENTOS DE BELLEZA
(Estados Unidos, 2000)
Dirección, guión, produción e fotografía: Jonas Mekas. Duración: 285 minutos.
Dividida para a súa proxección en dúas partes (con quince minutos de descanso) de 123 e 162 minutos respectivamente, Mekas ofrece unha magna e maxistral, poética e reflexiva obra, a modo de enorme celebración da vida. Ordenando os materiais do seu periplo existencial, os diarios filmados das décadas dos 60,70 e 80, aparece unha síntese da súa traxectoria artística e cultural e dun entorno xa mítico (Stan Brakhage, Hollis Frampton, Ken Jacobs, Peter Kubelka ou Adolfas Mekas), así como a presenza esencial da súa familia, a muller, Hollis, e os fillos, Oona e Sebastian.