De Vacas: “a cultura é a nosa táboa de salvación en tempos de crise e incertidume”

7 / 04 / 2021

De Vacas serán as encargadas de poñer música en directo á Gala dos XIX Premios Mestre Mateo, que emitirá a Televisión de Galicia o 10 de abril en directo ás 18:00 horas. A banda xa puxo música noutros eventos como a Gala de Premios Catas de Galicia 2018 ou os  Premios da Cultura Galega 2016. En que difire o prantexamento das actuacións para  unha Gala ou para un concerto? “Para un concerto somos nós quen establecemos o noso propio guión, ese que marca as pautas a seguir para facer o espectáculo que temos na cabeza. No caso dunha Gala o guión xa nos vén dado e o que temos que facer é adaptarnos ás necesidades da propia Gala. Digamos que nun concerto nós somos as protagonistas do espectáculo e nunha Gala somos parte do mesmo, e o noso traballo ten o obxectivo de aportar todo o que sabemos para contribuír a que o conxunto funcione da mellor maneira posible”.  

Despois de anos compartidos no Coro da Rá, Faia Díaz, Inés Salvado e Paula Romero decidiron formar un grupo co que rendir homenaxe ás Spice Girls, as súas iconas da adolescencia. Convidaron a Guillermo Fernández a completar a formación, e aí xurdiu De Vacas e os seus alter-egos a Marela, a Pinta, a Morena e a Rubia. “Sendo o nome do grupo De Vacas, atopamos estes álter egos nos nomes que se lle acostuman poñen ás  vaquiñas neste país. Aproveitamos a cor dos nosos cabelos para elixir os alcumes de cada unha de nós, así  pois, Inés é a Marela, Faia é a Pinta, Paula é a Morena e Guille a Rubia, a auténtica Rubia galega”. O nome da formación “fai referencia a un  animal que forma parte da idiosincrasia do País e que durante moito tempo foi practicamente considerado como un membro máis da familia e parte fundamental da súa subsistencia económica”. 

De Vacas leva cinco anos triunfando na rede e nos escenarios coas súas versións en galego de cancións como o Despacito de Luis Fonsi ou o Gangnam Style de PSY e preparan a actuación do vindeiro sábado “moi ilusionadas e agradecidas por formar parte deste proxecto”.

A Gala da XIX edición dos Mestre Mateo tivo que ser adiada por mor das restricións impostas pola situación sanitaria, e chega nun momento especialmente delicado para o sector cultural. As consecuencias da crise provocada pola Covid-19 non lles foron alleas “O ritmo de contratación viuse afectado. O parón total entre os meses de marzo e maio, tiveron un impacto en  todos os sectores produtivos, pero cunha especial incidencia na cultural. O feito de tratarse dunha actividade  cunha compoñente elevada de socialización e que, ademais, concentre gran parte da actividade arredor da  primavera e o verán, supón que sexa un sector especialmente vulnerable a esta crise”. Consideran que ademáis na pandemia “volveuse a evidenciar a desprotección dos artistas, e en consecuencia, a necesidade de crear unhas  condicións dignas para os traballadores deste sector”. 

A cultura, nas súas diferentes manifestacións, resultou imprescindible para afrontar a crise  sanitaria e o confinamento “desde o primeiro momento o eido da cultura ofertou xenerosamente todo tipo de alternativas dixitais para  axudarnos a manter mellor o noso estado de ánimo, confiando en inspirar un pouco máis de esperanza e  axudando a mirar xuntos cara un futuro mellor. De novo descubrimos que é a nosa táboa de salvación en tempos de crise e incertidume. A arte e as humanidades proporcionan desafogo e descanso da contidianeidade pero ademáis serven de cohesión social, e fan de espello para coñecer mellor o mundo e o que nos acontece”.  

 “O audiovisual durante o 2020 foi o refuxio e a salvación para moitísima  xente”

De Vacas, grupo musical

Nese contexto chegan os premios do noso audiovisual, cun mes de retraso sobre a data prevista “máis que nunca a súa función debera ser darlle o valor e o recoñecemento  que merece ao audiovisual galego. O audiovisual durante o 2020 foi o refuxio e a salvación para moitísima  xente. Tivemos un ano especialmente complicado e duro para a cultura e a pesares diso imos poder gozar dunha Gala  do audiovisual chea de grandes traballos e moito talento galego”.

“Os espectadores verán a De Vacas con toda a súa esencia; chea de humor, emoción, musicalidade e integradísmas na escena”

De Vacas, grupo musical

Despedímonos preguntándolles que poden esperar da actuación de De Vacas os espectadores da Gala. “Pola dinámica de traballo que estamos a seguir coa dirección artística da Gala, pensamos que toda a equipa  estaremos moi en sintonía. Os espectadores verán a De Vacas con toda a súa esencia; chea de humor, emoción, musicalidade e integradísmas na escena”.

Etiquetas: