O CULTURGAL DIFUNDE A POTENCIA DO AUDIOVISUAL GALEGO NA FEIRA E NA REDE

19 / 11 / 2012

O sector Audiovisual contará cun espazo destacado na Feira das Industrias Culturais, que terá lugar do 30 de novembro ao 2 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Ademais, para que a potencia do audiovisual galego encha non só o fogar da cultura galega, senón todos os fogares dentro e fóra de Galicia, Culturgal recomenda dende hoxe e ata que remate a Feira unha selección de cinema galego para gozar na casa, a través da plataforma de distribución on-line Filmin. Con 100.000 usuarios rexistrados, 600.000 visitantes únicos e 100.000 films vistos cada mes, Filmin é un potente escaparate no que o audiovisual galego terá unha presenza destacada, da man de Culturgal e Agapi.

Dentro da Feira das  Industrias Culturais, o espazo de referencia para o audiovisual será un ano máis o Garaxe, onde a xente que se achegue ao Culturgal coñecerá novidosos proxectos de colaboración entre empresas de distintos sectores e percorridos, como a nova canle de música de R e Casa de Tolos, Tolemias, ou a coprodución de Talía Teatro, Voz Audiovisual e RTA Gaivotas Subterráneas. Tamén no Garaxe coñeceremos os proxectos audiovisuais que marcarán o cinema galego nos próximos meses, da man de actores, actrices, directores, guionistas, produtoras… e ata das personaxes máis coñecidas da programación infantil da TVG.

Ademais, Luís Tosar e Farruco Castromán participarán nunha das conversas de salón e contaranos as interioridades de Operación E, que se estreará despois do Culturgal. Tamén nos visitará Ignacio Vilar, coa súa nova película, A Esmorga, baseada no libro de Blanco Amor. E non faltarán Eloy Varela e Fina Casalderrey, que falarán de Dúas Letras, unha curta que ven arroupada por un grande éxito de crítica nos festivais de curtas galegos. Xavier Belho analizará a crise económica que atenaza Europa a través de pezas audiovisuais gravadas nunha viaxe en moto desde Galicia ata Grecia, nun proxecto multiplataforma chamado Crisis, What Crisis? E, dentro do MAPEA Pontevedra, poderemos gozar coa maxia do cinema da man do Fabuloso Cine Ambulante dos Irmáns Lumieira.

 

Espazo de encontro

Todos os profesionais que teñen que ver co sector audiovisual terán, xa que logo, un espazo para poder compartir e coñecer as propostas do 2013 e achegarse aos stand das empresas que moven este sector. Aproveitando o carácter de punto de encontro privilexiado que ofrece Culturgal, haberá tamén tempo para o debate e para a análise, nas mesas redondas organizadas pola asociación de directores e realizadores de Galicia, CREA, ao redor do papel do director e dos dereitos de difusión.

E xa na programación profesional, enmarcada no Foro Culturgal, o sábado 1 de decembro no encontro educativo, de 13h a 14h30, Ferramentas Tic e Multimedia nas Aulas. Experiencias, poderemos coñecer cinco proxectos de éxito. Do ámbito do audiovisual contaremos coa presenza dun dos responsables do proxecto Xabarín18, realizado polo EEI Monte da Guía e o CEIP Sequelo, no que involucraron a ilustradores galegos e ao alumnado na celebración do aniversario do programa infantil, aplicando o multimedia. Luz Beloso, mestra de Plástica no IES As Barxas, falaranos do proxecto que veñen realizando para fomentar a creatividade artística entre o alumnado a través do uso e experimentación cos recursos da linguaxe cinematográfica, iniciativa que xa acumula numerosos galardóns. E  Manolo González, mestre no IES Concepción Arenal de Ferrol, compartirá a súa ampla experiencia no uso do audiovisual nas aulas. Pola tarde, ás 16h30, achegarémonos a iniciativas de apoio á introdución das TIC e os contidos multimedia nas aulas a través de catro obradoiros nos que veremos como funcionan ferramentas innovadoras da man de Imaxin, Galinus, Tagen Ata e Algueirada. Mentres que a programación da Feira é de acceso gratuíto, inscribirse nas xornadas profesionais ten un custo de 30 euros, pode facerse a través deste sinxelo formulario. Os mestres poden inscribirse de forma gratuíta a través de fprofe.

 

A forza de todo o sector

Culturgal está organizado por unha entidade da que forman parte as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). A Feira conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da AGADIC e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Concello de Pontevedra e do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e conta coa colaboración de máis de 30 entidades e empresas.

Categoría: Novas
Etiquetas: