“CORES” DE MR MISTO FILMS GAÑA O PREMIO DO PÚBLICO DO FESTIVAL REDONDELA EN CURTO

29 / 04 / 2008

A curtametraxe “Cores” dirixida polo compostelán Jairo Iglesias e producida por Mr Misto Films non puido ter un mellor comezo na súa andaina por Festivais, xa que se alzou co Premio do Público do Festival Nacional de Curtametraxes de Redondela en Curto.
Seleccionado para as sesións de inauguración e clausura do Festival, a curtametraxe “Cores” fíxose co galardón máis prezado por calquera director, o Premio do Público. Con este recoñecemento comeza así a andaina por Festivais do cuarto traballo de Jairo Iglesias, que recoñeceu sentirse “emocionado e agradecido” por obter este galardón.

O pasado domingo tivo lugar a entrega de premios da IV Edición do Festival Redondela en Curto, que congregou a máis de 200 persoas no auditorio municipal. Foi ao redor das 22 horas cando os representantes do xurado deron a coñecer o veredicto que foi a parar a mans de Mr Misto Films e de Jairo Iglesias.

Este traballo foi seleccionado xunto a outras 14 pezas, entre os máis de 300 curtametraxes que recibiu a organización. Entre as películas a concurso había obras tan meritorias como “Salvador, historia dun milagre cotián”, último gañador do Goya á mellor curtametraxe. O cal outorga aínda máis valor a este premio recibido por Jairo Iglesias.

Este é o primeiro festival ao que se presenta esta historia ambientada na Guerra Civil e que representa o cuarto traballo de curta duración do premiado director Jairo Iglesias.

Logo do seu recente nomeamento aos Premios Mestre Mateo coa curta “Rosa dos Ventos”, a produtora MR Misto Films continúa a súa aposta polo sector da man desta sinxela e atractiva historia. Unha historia que narra de xeito moi particular o sinsentido da guerra.

Vicente de Souza e Alberto Rolán son os dous actores protagonistas desta historia rodada en Boiro en novembro do ano 2007.

Etiquetas: