CONVOCADO O 39º CERTAME AUDIOVISUAL INTERNACIONAL LICEO CASINO DE VILAGARCÍA DE AROUSA

8 / 11 / 2011

Ata o  27 de novembro atópase aberto o prazo de envío de obras para o 39º Certame Audiovisual Internacional Liceo Casino, tamén coñecido como Curtas Film Fest, que se celebrará do 6 ao 9 de decembro organizado por esa entidade en Vilagarcía de Arousa. Este ano, as películas deberán de enviarse online, a través da aplicación Movibeta. 

A convocatoria do 39º Curtas Film Fest de Vilagarcía de Arousa está aberta a tódolos realizadores e productoras que teñan os dereitos de exhibición das obras que presenten. Cada participante poderá concorrer coas producións que desexe, sempre que estas foran realizadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2008, que teñan unha duración inferior a 25 minutos, e que no participaran en anteriores edicións do evento. As curtas, de tema libre –aínda que se exclúen expresamente as de índole comercial ou publicitaria- deben ser presentadas online, a través da aplicación Movibeta, debidamente identificadas, e indicando a duración total e a categoría na que participan, acompañadas da ficha de inscrición. Un comité seleccionará aqueles traballos que pasarán a concurso e que se exhibirán no certame.

Este ano, o palmarés sufre un recorte pola crise. Concederanse un premio Liceo Casino ao mellor audiovisual do festival, así como sendos premios ás mellores curtas documental e de animación,e o premio ao mellor realizador novel. Tódolos galardóns inclúen un trofeo. O xurado, composto por profesionais do cine, a televisión, a comunicación ou a docencia, tamén poderá propor outros premios ou mencións honoríficas, aínda que sen dotación económica. Á gala de entrega de galardóns, que terá lugar o 9 de decembro en Vilagarcía de Arousa, deberán asistir os directores, produtores ou representantes acreditados das obras premiadas. As bases completas e a ficha de inscrición están na web www.certamenaudiovisual.org.

 

 

Categoría: Novas
Etiquetas: