Os días 24 e 25 de setembro unha delegación da Academia Portuguesa das Artes e Ciências Cinematográficas visitou A Coruña para asinar un convenio de colaboración coa Academia Galega do Audiovisual. Con esta sinatura, ámbalas academias desexan avanzar nas relacións de cooperación entre Galicia e Portugal no eido cultural, colaborar en actividades que sirvan para apoiar e visibilizar o traballo dos profesionais do sector e propiciar o coñecemento mutuo.
O director da Academia Portuguesa Paulo Trancoso e a nosa presidenta, Ana Míguez asinan o convenio de colaboración
A delegación portuguesa estivo constituída por Paulo Trancoso, presidente da Academia Portuguesa das Artes e Ciências Cinematográficas, o coordinador de proxectos da institución Diogo Camões e o cineasta Miguel Gonçalves Mendes.
Despois de que o Centro Ágora da Coruña acollera a sinatura do convenio entre os presidentes das dúas institucións, a delegación foi recibida polo concelleiro de cultura da cidade, José Celemín.
As dúas xornadas remataron con candasúa proxección no CGAI-Filmoteca de Galicia, dos filmes recoñecidos como Mellor Longametraxe e Mellor Longametraxe Documental nos Premios Sophia 2019.
O 24 de setembro Paulo Trancoso e a nosa presidenta, Ana Míguez, presentaron a proxección de Raiva, a gañadora absoluta da pasada edición, vencedora nas categorías de Longametraxe, Actriz Protagonista, Actor Protagonista e Secundario, Guión Adaptado e Dirección de Fotografía. Trátase dunha adaptación dun clásico da literatura portuguesa, Seara de Vento, de Manuel da Fonseca, ambientada no Alentejo de 1950.
O día seguinte o CGAI acolleu a proxección da película gañadora do premio á Mellor Longametraxe Documental, ‘Labirinto da Saudade’. A sesión, que repetiu o éxito de público da xornada anterior, foi presentada por Sonia Méndez, membro da directiva da Academia e polo director da película, Miguel Gonçalves Mendes, que tamén particiarpon nun coloquio coas persoas asistentes posterior á proxección.
Esta colaboración é posible grazas ao apoio do Concello da Coruña, o Instituto Camões e a colaboración do CGAI-Filmoteca de Galicia.