A Coruña, 14 de novembro de 2023 | Os días 9 e 10 de novembro de 2023, no marco do I Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA celebrada na Cidade das TIC da Coruña, tivo lugar unha xuntanza na que participamos representantes das asociacións do sector audiovisual galego: a Academia Galega do Audiovisual; a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG); a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG); a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI); o Clúster Audiovisual Galego; a Asociación de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) e a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (PROXECTA).
No transcurso da mesma puxemos en común as seguintes reflexións sobre a situación actual do sector:
– Destacamos o gran nivel no que se atopa a produción audiovisual realizada por profesionais e empresas galegas, tanto no eido creativo como técnico, que trascende as fronteiras de Galicia e do estado, acadando recoñecemento internacional.
– As asociacións recoñecemos a aposta da Xunta de Galicia pola consolidación do sector nos ámbitos industrial e creativo, a través das liñas de axuda que veñen apoiando proxectos diversos ao longo das últimas décadas. Non obstante, as cotas de relevancia e impacto socioeconómico que teñen acadado as producións galegas, xustifican un incremento sostido das partidas destinadas á produción, desenvolvemento de proxectos e promoción do talento nos orzamentos da Xunta, así como as medidas necesarias para facilitar os procedementos de solicitude e xustificación destas axudas.
– Instamos á Xunta a apoiar de forma decidida ás iniciativas de exhibición, entre as que destacan os festivais audiovisuais, con achegas acordes ao seu impacto na difusión da cultura audiovisual e a creación de públicos.
– Tamén a impulsar de xeito decidido a preservación do noso patrimonio audiovisual a través da dotación de recursos económicos, técnicos e humanos á Filmoteca de Galicia que, se ben realiza traballos de difusión que valoramos positivamente, non presta a atención necesaria á misión para a que tamén foi creada: a recuperación, catalogación e custodia do patrimonio audiovisual galego.
– Por outra banda as asociacións convidamos á TVG a seguir xogando un papel decisivo no crecemento do noso tecido profesional a través da aposta por proxectos de ficción propia, así como en modelos de coprodución, destinando os recursos económicos precisos e atendendo á procura da excelencia, sen esquecer cuestións como a responsabilidade da televisión pública na promoción da lingua galega, a atención á creación de novos públicos e o coidado no cumprimento da lexislación.
– As asociacións consideramos fundamental manter unha interlocución constante co tecido educativo no eido da formación audiovisual, a través do impulso de iniciativas que favorezan o contacto entre as asociacións sectoriais e as escolas ou facultades de audiovisual. Entendemos así mesmo que é preciso incoporar aos programas educativos de primaria e secundaria a formación audiovisual.
– As asociacións queremos comprometernos a constituír mesas de traballo para mellorar as relacións laborais e impulsar un Protocolo para a prevención e actuación en casos de acoso sexual e por razón de sexo/xénero no audiovisual.
– O noso compromiso esténdese ao deseño e implantación de campañas que favorezan a difusión e o emprego da lingua galega, tanto nos procesos internos do sector como a través da nosa capacidade de chegar ao público coas nosas obras.
– Finalizamos a xuntanza co acordo de constitución da Mesa do Audiovisual Galego, un órgano que se reunirá periodicamente para compartir reflexións e inquedanzas comúns. A Mesa contará con representantes da Academia Galega do Audiovisual; a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG); a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG); a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI); o Clúster Audiovisual Galego; a Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización (CREA) e a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (PROXECTA).