COMEZOU O OBRADOIRO “TUI ADOPTA CINEASTAS” NO PLAY-DOC

17 / 03 / 2009

O Obradoiro “Tui adopta cineastas”, unha experiencia novidosa que forma parte das actividades paralelas de Play-Doc,  está xa en marcha dende a pasada fin de semana. Dez realizadores chegados de Cuba, Perú, Portugal, Barcelona, Córdoba e Galicia teñen ante sí o reto de facer nunha semana un documental no que retratar a unha persoa que até o pasado sábado era para eles unha descoñecida.   En sete días, este obradoiro tan experimental coma novidoso, brindará unha película chea de sorpresas e cun resultado descoñecido polo momento. Fronte á cámara sitúanse un neno de catro anos, unha muller de 106 anos, unha empresaria da restauración, unha enfermeira, un profesor, unha parella que ten un grupo de rock e rexenta un bar… até completar un total de dez personaxes.  Dende o primeiro momento, o sábado cando se coñeceron, a experiencia está a ser moi positiva e de enriquecemento mutuo. Con esta iniciativa o público realiza tamén unha aportación directa ao Festival, xa que non acode tan só a ver os documentais senón que deste xeito se converte tamén en protagonista. Así o explican os directores de Play-Doc sinalando que o obradoiro “Tui adopta cineastas” “é un xeito de facer máis partícipe ao pobo de Tui” A responsable do obradoiro, Marta Andreu, da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, explica que teñen a sensación de estar levando a cabo un “método novo” de realizar un seminario. No mesmo a clave está na convivencia entre filmador e filmado reflectindo a distancia que existe entre ambos, e aportando aos retratados a experiencia de coñecer coma lles ve outra persoa. Este novidoso proxecto é un reto no que se loita contra o tempo, xa que en tan so unha semana se transforma a realidade para brindar un retrato coral con personaxes con distintos perfís. Máis información en www.play-doc.com 

Categoría: Novas
Etiquetas: