PRIMEIRAS VOTACIÓNS PARA OS PREMIOS DE TEATRO ‘MARÍA CASARES’ 2010

10 / 02 / 2010

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) ven de abrir a primeira fase de votación que culminará na elección dos gañadores dos XIV Premios de Teatro María Casares, que se entregarán no Teatro Rosalía Castro da Coruña o vindeiro 24 de marzo. Na gala premiaranse aos mellores profesionais e espectáculos das artes escénicas galegas.

Dende o pasado luns 7 de febreiro máis de 450 asociados votaron na primeira fase de elección na que constan 34 espectáculos e 379 profesionais candidatos a estes premios. As categorías sobre as que deberán decidir son trece: mellor espectáculo, dirección, actor protagonista, actriz protagonista, actor secundario e actriz secundaria, escenografía, texto orixinal, adaptación ou tradución, música orixinal, iluminación, vestiario e maquillaxe. Ademais, a Xunta Directiva da AAAG será a encargada de entregar o Premio de Honra “Marisa Soto”, que se outorga a unha traxectoria ou labor, persoal ou colectiva, a prol da promoción do teatro galego.

 

A primeira fase deste proceso rematará o vindeiro 19 de febreiro, data en que se pechará esta primeira rolda de votación e da que se obterá o máis destacado da tempada teatral que ven de rematar. Os nominados daranse a coñecer nunha festa que se desenvolverá na primeira semana de marzo. Coñecidas as nominacións, o censo de votantes volverá ter un prazo de dúas semanas para elixir entre os mellores.Finalmente, os premiados, obtidos da segunda rolda de votacións, daranse a coñecer na gala final que se levará a cabo, como xa é tradicional, no Teatro Rosalía Castro da Coruña o vindeiro 24 de marzo, coincidindo coas datas nas que se celebra o Día Mundial do Teatro.

Os premios María Casares

Creados en 1997, estes galardóns – bautizados en homenaxe da que foi a primeira actriz galega con proxección internacional – cumpren coa finalidade de servir de estímulo e recoñecemento ao labor desenvolvido pola profesión teatral en Galicia. O seu obxectivo é o de promocionar e situar ao teatro no lugar que se merece dento das artes e da cultura do país. Outorgados no ámbito da Comunidade Autónoma con carácter anual, distinguen ás producións escénicas galegas feitas en lingua galega que foron estreadas o ano anterior á súa concesión así como a todos os profesionais que nelas tomaron parte.  

A AAAG 

Nesta edición en que se cumpre o primeiro cuarto de século da constitución da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, constituida en 1985, este organismo está inmerso nun proceso de renovación que inclúe, ademais, a estrea dunha nova sede, situada no Polígono de Novo Milladoiro. Durante este tempo a AAAG consolidouse como interlocutor de referencia entre as administracións públicas e o sector empresarial escénico e audiovisual, contribuíndo a defender os dereitos do sector e traballando para xerar emprego entre os seus asociados.   

 
Categoría: Novas
Etiquetas: