COMEZA EN RIBADEO O IV FESTIVAL CREATIVO DE CURTAS ON&OFF

29 / 07 / 2008

A cuarta edición do Festival organizado por Mr. Misto Films comeza hoxe na vila lucense, no que serán cinco días repletos de actividades que converterán a Ribadeo nunha gran sala de cinema. Xoán Mariño e Mari Luz Álvarez presentarán o Festival en rolda de prensa esta tarde ás 18 horas, no Cantón dos Moreno de Ribadeo.
Hoxe martes 29 de xullo arrinca en Ribadeo o IV Festival Creativo de Curtas On& Off, que se prolongará ata o sábado 2 de agosto e que inclúe na súa programación multitude de proxeccións, gravacións e actividades culturais que estimularán aos novos creadores audiovisuais e animarán aos ribadenses a ver e facer cinema durante cinco intensos días.

Xoán Mariño, responsable de Mr. Misto Films, e Mari Luz Álvarez Lastra, Edil de Cultura do Concello de Ribadeo, presentarán oficialmente o Festival nunha rolda de prensa que se celebrará hoxe ás 18 horas no Cantón dos Moreno ribadense.

O Festival internacionalízase este ano co programa “Intercultural Audiovisual”, un Intercambio Xuvenil que comprende a participación de 30 mozos e mozas de Reino Unido, Bulgaria, Estonia, Portugal e España para a gravación de tres curtametraxes simultáneas. O proxecto comezou o 26 de xullo, coa chegada dos participantes a Ribadeo, e darase por finalizado o vindeiro 4 de agosto. Este intercambio está apoiado polo programa Xuventude en Acción e conta coa colaboración da Asociación InterRuris, así como da Dirección Xeral de Xuventude.

Este programa vén a complementar a apertura da Sección Oficial a concurso a países de todo o mundo. De feito, a organización recibiu case cincocentas curtas de corenta nacionalidades distintas, das cales 27 concursarán agora por alzarse como gañadoras.

Mr. Misto Films conta para a organización do Festival coa colaboración do Concello de Ribadeo e coa apoio da Axencia Audiovisual Galega, da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería e Deporte, da Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Innovación e Industria, da Secretaría Xeral de Comunicación da Presidencia da Xunta de Galicia, do programa Vai de Camiño do Xacobeo, da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, do Consello da Xuventude do Ministerio de Igualdade do Goberno de España, da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e do Centro Comarcal da Mariña Oriental. Gadis é a empresa patrocinadora da iniciativa.

Hoxe farase pública a programación oficial do Festival.

Poden consultarse as novidades na páxina www.festivalonoff.com.

Categoría: Novas
Etiquetas: