COMEZA A RODAXE DA CURTA GAÑADORA DE COMPOSTELA PLATÓ, “LA PRINCESA ALEGRÍA”

26 / 08 / 2008

A curtametraxe comezará a rodarse en Santiago de Compostela o mércores 27 de agosto.

“La princesa Alegría”, do madrileño Daniel Utrilla, combinará animación e imaxe real. Os días 27, 28 e 29 de agosto terá lugar a rodaxe da curtametraxe “La princesa Alegría”. Esta produción nace no marco da sección Compostela Plató do Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e a Concellaría de Cultura.

O guión do madrileño Daniel Utrilla, que tamén dirixirá o filme coa colaboración do realizador galego Rubén Coca, foi o gañador do premio que consiste na produción da curta cun orzamento de 40.000 euros.

Os gañadores de edicións pasadas tocaron os xéneros do drama ( “Quérote mal” en 2005 e “Historia da arte” en 2007) e a comedia (“Bechos raros” en 2006). Por primeira vez a gañadora de Compostela Plató combinará imaxe real e animación. Ambas técnicas únense para narrar a historia de Eva, unha escritora de contos infantís na que se mestura o drama da vida real e a fantasía dos contos de fadas.

Compostela Plató naceu como unha iniciativa da Santiago de Compostela Film Commission, dependente do departamento que dirixe o nacionalista Xosé Manuel Iglesias, co obxectivo de promover a capital galega como un escenario adecuado para rodar calquera tipo de historias.

“La princesa Alegría” empregará localizacións de Compostela e estará lista para ser estreada na Gala de Entrega de Premios que clausurará a V edición de Curtocircuíto o 24 de outubro.

Por outra banda, Curtocircuíto continúa cas súas actividades. O xoves 28 pecha Curtocircuíto na Rúa co concerto do DJ británico Ollie Teeba, ás 22.00 na Praza da Quintana, e volverá na Semana Oficial de outubro con novas curtas, obradoiros, exhibicións e outras moitas iniciativas relacionadas co mudo da curtametraxe.

Categoría: Novas
Etiquetas: