Desde a Academia Galega do Audiovisual comprácenos anunciar o inicio dunha colaboración coa Academia Portuguesa das Artes e Ciências Cinematográficas. As nosas Academias representan a territorios irmáns en lingua e cultura, que manteñen unha importante relación de influencia mutua, afrontando problemas comúns e creando proxectos de cooperación conxuntos. Esta colaboración é posible grazas ao apoio do Concello da Coruña, o Instituto Camões e a colaboración do CGAI-Filmoteca de Galicia.
Esta colaboración materializarase cun intercambio de programación que permitirá a proxección en Galicia de dous traballos premiados nas pasada edición dos Premios Sophia. Con ela queremos apoiar e visibilizar o traballo dos profesionais que conforman o sector, ao tempo que propiciamos o coñecemento mutuo, achegando ao público galego novas manifestacións da cultura portuguesa a través da súa cinematografía.
Os vindeiros 24 e 25 de setembro, o CGAI-Filmoteca de Galicia acollerá a proxección dos filmes recoñecidos como Mellor Longametraxe e Mellor Longametraxe Documental.
Raiva foi a gañadora absoluta da pasada edición dos Premios Sophia, vencendo nas categorías de Longametraxe, Actriz Protagonista, Actor Protagonista e Secundario, Guión Adaptado e Dirección de Fotografía. Trátase dunha adaptación dun clásico da literatura portuguesa, “Seara de Vento”, de Manuel da Fonseca ambientada nos desolados eidos do Alentejo de 1950, sacudidos por unha serie de misteriosos asasinatos. Rodada en branco e negro, presenta a loita de clases rural explicada en clave de cinema negro.
Tamén é unha adaptación a película gañadora do premio á Mellor Longametraxe Documental, neste caso do libro homónimo de Eduardo Lourenço, unha deconstrución do ethos portugués desde un punto de vista filosófico e histórico. Narrado e protagonizado polo propio Lourenço, o documental percorre os corredores da súa memoria e da historia de Portugal.
Desde 2011 os Premios Sophia son entregados anualmente pola Academia Portuguesa das Artes para premiar ás mellores obras e aos mellores profesionais das distintas especialidades do sector audiovisual. El premio consiste nun busto da poeta portuguesa Sophia de Mello Breyner Andresen. As proxeccións están incluídas no ciclo A Ilusión é perfecta que organizamos en colaboración co CGAI-Filmoteca de Galicia.
Martes 24 de setembro
20:30h Raiva de Sérgio Tréfaut (2018)
Premios Sophia 2019:
Mellor Longametraxe
Mellor Actriz Principal: Isabel Ruth
Mellor Actor Principal: Hugo Bentes
Mellor Actor Secundario: Adriano Luz
Mellor Guión Adaptado: Sérgio Tréfaut e Fátima Ribeiro
Mellor Dirección de Fotografía: Acácio de Almeida
Mércores 25 de setembro
20:30h Labirinto da Saudade de Miguel Gonçalves Mendes (2018)
Premios Sophia 2019:
Mellor Longametraxe Documental