O CLAG ABRE O PRAZO PARA INSCRIBIR PROXECTOS EN CLAG MEDIA TALENT

1 / 10 / 2014

O Clúster Audiovisual Galego (Clag) abre hoxe, día 1 de outubro, o prazo de inscrición de proxectos e de recepción de solicitudes de participación de produtoras para Clag Media Talent, unha iniciativa que busca detectar novo talento audiovisual a través de formatos innovadores para conectalos con tecido empresarial galego.

Este concurso é froito da colaboración entre o Clag e a Televisión de Galicia, e valorará o carácter innovador do proxecto, a súa orixinalidade, que sexa viable economicamente e a súa potencialidade de comercialización para saír ao mercado exterior.

Participación e funcionamento

Poderá participar como creador nesta iniciativa calquera persoa que teña un proxecto audiovisual orixinal. Así mesmo, poderán inscribirse todas as produtoras interesadas en titurizar aqueles proxectos que resulten elixidos polo Comité de Preselección. O prazo de recepción de solicitudes estará aberto ata o día 14 de novembro.

Entre todos os proxectos presentados a concurso, unha comisión formada por empresas produtoras realizará unha preselección dos traballos que, posteriormente, participarán nun programa de titurización, e designará á produtora encargada de titurizar cada proxecto. Finalmente e trala avaliación destes traballos, o xurado do concurso seleccionará o proxecto gañador para a emisión do seu piloto na Televisión de Galicia.

As características do concurso e os requisitos para participar están recollidos nas Bases de Clag Media Talent, que poden consultarse, xunto ao resto da documentación solicitada, nos sitios web do Clag (www.clag.es) e da TVG (www.crtvg.es). Ademais, a través das redes sociais do clúster e na súa web contaranse todas as novidades deste concurso.

Esta iniciativa tamén conta co apoio do Igape, a Consellería de Economía e Industria e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: