OS CINECLUBES GALEGOS REXISTRARON MÁIS DE 25.000 ESPECTADORES ENTRE OUTUBRO DE 2011 E 2012

7 / 01 / 2013

A Federación de Cineclubes de Galicia fixo balance da súa actividade durante o período que vai de outubro de 2011 a outubro de 2012. Neses doce meses, contabilizáronse máis de 25.000 espectadores nos 11 cineclubs que o integran. 

No período de outubro de 2011 a outubro de 2012, os cineclubes de Galicia desenvolveron unha intensa actividade. En total, exhibiron 338 películas (15 máis que no período anterior) de 40 países (5 máis), que foron vistas por 25.020 espectadores. O que máis afluencia rexistrou foi, con moita diferenza, o Cineclub Pai Feijoo de Ourense, con 8.222 espectadores nos 37 filmes que proxectou, o que fai unha media de 222 persoas por filme. Seguíronlle o Cineclub Groucho Marx de Barco de Valdeorras, con 3.754 espectadores para 24 películas; e o Cineclub Carballiño, con 3.550 espectadores. Este último foi o cineclub que máis títulos exhibiu no período (111 entre longametraxes e curtas), ademais nunha localidade que non conta con salas de exhibición privadas. 2.150 espectadores asistiron ás proxeccións do Cineclub Pontevedra; 1.984 espectadores, ás do Cineclub Lumière de Vigo; 1.155 espectadores, ás do Cineclub de Compostela; 1.040 espectadores, ás Cineclub Vos Papeiros; 1.000 espectadores, ás do Cineclub Val-Inclán; 855 espectadores, ás do Cineclub Cangas; 463 espectadores, ás do Cineclub A Calexa; e 300 espectadores, ás do Cineclub Poleiro. A Federación calcula un volume de negocio no período de 101.400 euros, que beneficiou ás distribuidoras, productoras, transportes, salas e publicidade.

As producións máis exhibidas pola rede de cineclubes de Galicia foron a iraní Nader e Simin, unha separación, e as finlandesas A cegas e Eila. As tres foron vistas en 5 cineclubs. En catro proxectouse a cinta galega de animación Engurras. A película máis vista foi Un deus salvaxe, con 471 espectadores, seguida da citada Nader e Simin, unha separación, con 442, ambas no Cineclub Pai Feijoo de Ourense. A nivel de financiamento, a Federación de Cineclubes de Galicia explica que se mantén estable, en 24.000 euros, a achega da Axencia Galega dás Industrias Culturais (AGADIC). Con todo, laméntase de que se reduciu “considerablemente” a achega dos concellos, e que houbo compromisos municipais “ficticios” nas programacións. En 2012, ademais, xunto co Cineclub Val Inclán, organizouse un encontro de cineclubes en Lugo no que participaron entidades de Galicia, Portugal e Castilla e León. Alí presentouse un proxecto de distribución co Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), que se espera ultimar e concretar a principios deste ano 2013. Como desexos para o ano que agora empeza, a Federación reclama un acordo que garanta unha estabilidade presupuestaria, e que a programación do CGAI na súa sé da Coruña, distribúase por toda Galicia a través da rede de cineclubes.

Categoría: Novas
Etiquetas: