CINCO FILMES COMPETIRÁN NA SECCIÓN OFICIAL DE PLAY-DOC

24 / 02 / 2012

Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, que terá lugar do 21 ao 25 de marzo, mostrará na súa sección oficial cinco títulos do máis destacado do xénero de non ficción desta tempada. A sección, na que se compite por un premio de 5.000 euros, combina nomes consagrados do documental con prometedores novos cineastas. Todos eles son exercicios autorais, que foxen da reportaxe televisada e da información pura, para ofrecer achegas  netamente cinematográficas e moi persoais, independentes e alternativas. Esta é a liña que defende Play-Doc cada ano, e na que desta volta poden intuírse dúas tendencias principais: a exploración da paisaxe e o diario filmado.

Na primeira vertente, o reputado director ruso Victor Kossakovsky, premiado en prestixiosos festivais internacionais coma o de Karlovy Vary ou Dok Leipzig, chega a Tui para presentar Vivan las Antípodas! O seu último documental é un calidoscopio do planeta Terra a partires de catro pares de Antípodas (Arxentina e China, España e Nova Zelandia, Chile e Rusia, Botswana e Hawai), cunha potente carga estética.

Igual de impactante resulta Two Years At Sea, de Ben Rivers. O británico ten unha curta maisprolífica carreira de menos dunha década, na que dirixiu uns 20 traballos de corte experimentalaplaudidos pola crítica, que o premiou precisamente na pasada edición do festival de Venecia por esta cinta. Nela, Rivers filma en branco e negro o día a día dun ermitán que vive nun apartado bosque.

O filme Mirage, do serbio Sr an Ke a, sitúase entre esta primeira vertente paisaxística e o diariofilmado, ao combinar rexistros das construcións da grande metrópole de Dubai con testemuños dos obreiros e os turistas que habitan ese espazo. Os contrastes que se advirten entre ambas declaracións e as condicións de vida opostas que Ke a retrata compoñen unha dura metáfora do capitalismo global.

Máis local, pero igual de necesaria, é Yatasto, de Hermes Paralluelo. A película mergúllanos nas vidas dun grupo de rapaces ‘carreros’ en Arxentina, que recollen cartóns da rúa para vendelos, montados no seu carro de cabalos. Os seus longos e medidos planos secuencia convenceron aos programadores dos festivais de Marsella, Bos Aires ou na Viennale, onde obtivo o premio da crítica.

Completa a sección Vikingland, de Xurxo Chirro. A representante de Galicia recupera cintas de vídeo gravadas por un mariñeiro mercante da Guarda para compor un retrato da diáspora galega.

Os traballos serán valorados por un xurado internacional composto por tres grandes profesionais. Nicolas Azalbert é crítico cinematográfico na histórica revista francesa Cahiers du Cinéma e correspondente en América Latina para a Semana da Crítica de Cannes. Pamela Cohn é produtora, programadora e xornalista, profesión que exerce en medios como Senses of Cinema ou no seu blogue Still in Motion. Carlos Muguiro é docente e investigador na Pompeu Fabra e fundador do festival Punto de Vista, do que foi director artístico ata 2009.

Máis información en www.play-doc.com

Categoría: Novas
Etiquetas: