CICLO “PEDRO COSTA. PROCESOS” NO CGAI

5 / 10 / 2010

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) (Rúa Durán Loriga, 10 baixo, A Coruña) comeza hoxe martes día 5 de outubro (dous pases: 18 e 21 horas) o ciclo “Pedro Costa. Procesos”, que xira en torno ao traballo do cineasta portugués e terá lugar durante toda a semana.

Hoxe proxéctase con carácter de estrea NE CHANGE RIEN (2009). O seu documental sobre o proceso de creación de Straub-Huillet (ONDE JAZ O TEU SORRISO?, día 6 de outubro) e un achegamento ás metodoloxías empregadas na rodaxe de Juventude em marcha dan lugar a TOUT REFLEURIT (2006) (día 8 de outubro) de Aurélien Gerbault completan éste pequeño foco dentro da programación do CGAI.

PEDRO COSTA. PROCESOS 

O cineasta portugués Pedro Costa, autor de varios títulos claves do cinema contemporáneo, filmes como No quarto da Vanda (2000) ou Juventude em marcha (2006), proxectadas no seu día polo CGAI, retrata en Ne change rien (2009) o proceso de traballo como cantante da actriz francesa Jeanne Balibar. Costa xa observara e rexistrara antes de xeito apaixonante o minucioso universo creativo da parella de cineastas Jean-Marie Straub e Danièle Huillet en Onde jaz o teu sorriso? (2001), inmersos ambos na montaxe da súa película Sicilia!. Completamos a indagación con Tout refleurit / Todo reflorecido (2006) de Aurélien Gerbault, medido retrato de Costa e seguimento da filmación de Juventude em marcha no barrio lisboeta de Fontainhas. Un documental que presenta a súa radical e fermosa aposta artística ao tempo que amosa o seu singular modo de elaboración e comprensión do feito fílmico.       
 

5 de outubro

NE CHANGE RIEN  (Francia-Portugal, 2009)

Dirección, guión e fotografía: Pedro Costa. Produción: Red Star Cinema e Sociedade Óptica Técnica. Intérpretes: Jeanne Balibar, Rodolphe Burger, Hervé Loos. Duración: 100 minutos.
Un título nacido da amizade entre a actriz Jeanne Balibar, o enxeñeiro de son Philippe Morel e o cineasta Pedro Costa. Jeanne Balibar é unha cantante que vive entre os ensaios e as gravacións, os concertos de rock e os cursos de canto lírico, entre un ático en Sainte-Marie-aux-Mines e o escenario dun café en Toquio, de Johnny Guitar á Périchole de Offenbach.

6 de outubro

ONDE JAZ O TEU SORRISO? / OÙ GÎT VOTRE SOURIRE ENFOUI? / [¿DÓNDE YACE TU SONRISA ESCONDIDA?]  (Portugal-Francia, 2001)

Dirección e guión: Pedro Costa, coa colaboración de Thierry Lounas. Produción: AMIP, ARTE, Contracosta e INA, coa colaboración de CNC, ICAM e RTP. Fotografía: Pedro Costa e Jeanne Lapoirie. Duración: 102 minutos. Segundo Godard, a mellor película feita xamais sobre a relación entre o cine e a montaxe. Costa filma a parella Huillet-Straub na moviola, enfrascados nunha clase maxistral mentres preparan a terceira versión de Sicilia! (1999). Como parte da serie Cineastas / Cinéma, de notre temps, existen dúas versións, debido a que ARTE empregou unha máis breve, o que orixinou un enfrontamente con Costa. Ofrecemos a versión axustada á vontade do autor. A película resultante crea un paralelismo co traballo da singular parella, enchéndose con sutileza de reflexións sobre conceptos e cuestións artísticas. Así, como ben lembra o escritor cinematográfico Xurxo González preséntase a relación imaxe-son, a verosimilitude, a manipulación de textos ou os problemas de posta en escena mentres xorde a evocación doutros grandes mestres (Rouch, Hitchcock, Snow, Dreyer, Moizoguchi ou Renoir) e mesmo observamos a habilidade de Costa para moverse en espazos opresivos e minimos. Un traballo apaixonante e imprescindible.        


 
8 de outubro

TOUT REFLEURIT/ [TODO REFLORECIDO] (Francia, 2006)

Dirección: Aurélien Gerbault. Produción: Qualia Films, coa colaboración do CNC. Fotografía: Frederic Serve. Duración: 77 minutos. Documental sobre o proceso de traballo de Pedro Costa en Juventude em marcha (2006).  Inclúe unha análise da súa traxectoria e testemuños de colaboradores e coñecedores da súa obra.

Categoría: Novas
Etiquetas: