CICLO DE CINE “SILENCIO… TRADÚCESE!” NO CGAI

28 / 09 / 2012

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación organiza, en colaboración co Goethe-Institut, a Embaixada de Suíza en España, o Concello de Vigo, o Cineclube Lumiére e o CGAI, o ciclo “Silencio… Tradúcese!”, unha mostra sobre a representación da tradución e da interpretación no cine. A da tradución e interpretación é unha profesión ben pouco visible, da que algúns directores ―e, sobre todo, directoras― botaron man nalgunha ocasión para contaren as súas historias. Este ciclo quere ser unha pequena mostra de películas que fan un primeiro plano desta actividade silandeira, mais esencial, e que converten tradutoras e intérpretes en protagonistas.

O ciclo no CGAI terá lugar os dous primeiros luns de outubro, ás 18.00 horas, na sala de proxeccións do CGAI, dentro do marco dos actos de conmemoración do Día Internacional da Tradución, que se celebra o día 30 de setembro. Forman parte deste ciclo dous títulos sen estrea oficial en España.

Luns 1 de outubro (18.00 horas):
LA TRADUCTRICE / A TRADUTORA (2006) de Elen Hazanov. 90 minutos. Vídeo. Subt. Galego.

Luns 8 de outubro (18.00 horas):
DIE FRAU MIT DEN 5 ELEFANTEN /A MULLER DOS CINCO ELEFANTES (2009) de Vadim Jendreyko. 97 minutos. Vídeo. Subt. Galego.  

A entrada é de balde

Categoría: Novas
Etiquetas: