O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) na Coruña comeza o luns día 20 de xullo (20.30 horas) o ciclo dedicado ao cineasta portugués Miguel Gomes (Lisboa, 1972) coa proxección dunha sesión de curtas realizadas por el. O ciclo “Miguel Gomes / Carta branca a Miguel Gomes”, extenderase o resto do mes e está formado polos seus traballos, 2 longametraxes e 6 curtas, e 5 titulos escollidos por el e relacionados tanto coa súa obra como co cine portugués contemporáneo. O día 30 Gomes manterá un coloquio co público, moderado polo crítico Martin Pawley, coincidindo coa presentación da súa última longametraxe, AQUELE QUERIDO MÊS DE AGOSTO (2008), gañadora do premio maior no BAFICI bonaerense.
O cineasta portugués Miguel Gomes (Lisboa, 1972) é obxecto dunha retrospectiva sobre a súa obra, unha traxectoria avalada este ano polo éxito crítico e o premio no BAFICI de Bos Aires por Aquele querido mês de agosto. Ao mesmo tempo, o CGAI concedeulle carta blanca, liberdade de elección a Gomes para que presentase toda unha serie de títulos portugueses que tivesen que ver dunha ou doutra forma co seu cine, uns por relación directa -mesmo en ocasións con firmes afinidades profesionais-, outros porque representan o cine portugués no que Gomes, por distintas razóns, se recoñece.
Gomes explica desta maneira o resultado das súas eleccións: “Rapace foi o único filme no que traballei sen ser realizador, monteino con João Nicolau, que xa participara como montador ou actor en filmes meus. Escollín Quando Troveja para dialogar con A Cara que Mereces (o seu realizador, Manuel Mozos, escribiu comigo o argumento d’A Cara, onde interpreta o personaxe de Harry). E escollín Nós por Cá Todos Bem de Fernando Lopes, un dos fundadores do cinema novo portugués para dialogar con Aquele Querido Mês de Agosto. Intentei optar por filmes menos coñecidos e por iso as ausencias de filmes de Manoel de Oliveira e Pedro Costa, mais non conseguín deixar fóra a Joâo César Monteiro e Recordações da Casa Amarela, un dos filmes claves da miña cinefilia.
O barroco O Bobo é precisamente unha das máis descoñecidas óperas primas de todo o cinema portugués. Jardim é o primeiro filme dun realizador máis novo ca min, un singularísimo e extravagante “documental” sobre o xardín Calouste Gulbenkien onde a cámara toma por momentos o lugar dos cágados e patos que flotan no lago”.
MIGUEL GOMES (proxeccións da súa obra):
Luns 20 (20.30 horas) de xullo
ENTRETANTO
(Portugal, 1999)
Dirección e guión: Miguel Gomes. Produción: O som e a fúria. Fotografía: Rui Poças. Duración: 25 minutos.
Sen pais ou titores á vista, unha rapaza e dous rapaces pasan algúns días de verán. Hai un partido de rugby afeccionado, unha festa, unha excursión á praia e tamén unha tenue tensión romántica, bicos a tres bocas e pelexas metade en broma, metade en serio. Premiada en dous dos mellores certames de curtametraxes, Oberhausen e Vila do Conde.
31
(Portugal, 2001)
Dirección e guión: Miguel Gomes. Produción: O som e a fúria. Fotografía: Joao Nicolau e Miguel Gomes. Intérpretes: Pedro Barâo, Carloto Cotta. Duración: 27 minutos.
Con leve surrealismo, certo erotismo indolente e o trasfondo brutal da loita de clases –á maneira do primeiro Pasolini-, vanse establecendo conexións improbables, que van desde El mago de Oz e a fin da ditadura portuguesa ata o cine mudo e as exuberantes bandas sonoras made in India, para esbozar unha crítica doutra relación, probable e fértil: a do cine e a Historia.
RAPACE
(Portugal, 2006)
Dirección e guión: Joao Nicolau. Produción: O som e a fúria. Fotografía: Mario Castanheira. Intérpretes: Hugo Leitâo, Marcia Breia. Duración: 23 minutos.
Unha comedia xeracional feliz, divertida e irónica, cun antiheroe con calzado deportivo verde, vagamente godardiano, que exercita o seu diletantismo molestando ao servizo, lendo libros de autores ignotos e compoñendo (e cantando en murmurios) a letra dun rap sobre o seu barrio. Diálogos brillantemente disparatados e un final a todo baile son algúns dos portentos que ofrece na súa estrea na ficción Joâo Nicolau, documentalista e montador habitual de Gomes (aquí á súa vez montador).
Mércores 22 (20.30 horas) de xullo
PRO EVOLUTION SOCCER ONE MINUTE DANCE AFTER A GOLDEN GOAL IN THE MASTER LEAGUE
(Portugal, 2004)
Dirección, guión e fotografía: Miguel Gomes. Produción: O som e a fúria. Duración: 1 minuto.
Xusto o que anuncia o título: a pantalla do famoso videoxogo de consola e un baile sen música, ao ritmo crebadizo das repeticións. Entre os xogadores, un tal M. Arnold, referencia lúdica ao cineasta experimental austríaco Martín Arnold, creador a partir de metraxe atopada.
INVENTÁRIO DE NATAL
(Portugal, 2000)
Dirección e guión: Miguel Gomes. Produción: O som e a fúria. Fotografía: Rui Poças. Duración: 23 minutos.
Segundo o autor “25 de decembro, nos anos 80. A familia reúnese na casa dos avós. Aos 12 anos, soñaba que poñía en movemento as figuras estáticas do presebe. Con este filme intentei facer o mesmo cos recordos dos meus curmáns e parentes, con esa casa e eses rituais”. Montaxe a cargo de Manuel Mozos.
KALKITOS
(Portugal, 2002)
Dirección e guión: Miguel Gomes. Produción: O som e a fúria. Fotografía: Miguel Gomes e Joao Nicolau. Duración: 19 minutos.
Un rapaz na vintena séntese aínda neno e quere xogar con outros da súa (suposta) idade. Os Kalkitos eran os debuxos adhesivos empregados para facer cadaquén as súas propias historias nos anos 80.
CÂNTICO DAS CRIATURAS
(Portugal, 2006)
Dirección e guión: Miguel Gomes. Produción: O som e a fúria. Fotografía: Rui Poças. Intérpretes: Joao Nicolau, Mariana Ricardo. Duración: 24 minutos.
No Asís contemporáneo, un trovador percorre as rúas entoando o “Cántico do Irmán Sol”, escrito por San Francisco no inverno de 1224. Nos bosques de Umbría en 1212, a lenda do santo que predicaba para as aves (e a de Santa Clara) convértese nun estrañamente hipnótico presebe vivente.
Martes 28 (20.30 horas) de xullo
A CARA QUE MERECES
(Portugal, 2004)
Dirección: Miguel Gomes. Guión: Miguel Gomes, Manuel Mozos e Telmo Churro. Produción: Joao Figueiras e Sandro Aguilar para O som e a fúria. Fotografía: Rui Poças. Intérpretes: Jose Airosa, Gracinda Nave. Duración: 108 minutos.
Orixinal comedia musical que transcorre no 30 aniversario do protagonista, o mestre de escola Francisco. A primeira longametraxe de Gomes é unha película chea de cinefilia, claustrofóbica, que apunta tanto a Rivette ou Godard como a Blancanieves y los siete enanitos.
Xoves 30 (20.30 horas) e Venres 31 (20.30 horas) de xullo
AQUELE QUERIDO MÉS DE AGOSTO
(Portugal, 2008)
Dirección: Miguel Gomes. Guión: Miguel Gomes, Mariana Ricardo e Telmo Churro. Produción: Luís Urbano, Sandro Aguilar e Thomas Ordonneau. Fotografía: Rui Poças. Intérpretes: Sónia Bandeira, Fábio Oliveira. Duración: 147 minutos.
Un verán como outros na portuguesa localidade de Arganil. Procesións relixiosas, xentes do lugar cheas de simpatía, mozos de acampada, fogos artificiais, bandas de música popular e unha rodaxe. As fronteiras entre o real e o ficticio difumínanse e Gomes amosa a súa mestría: a maneira complexa de filmar o simple e banal, a notable singularidade para facer converxer accións e diálogos nun mesmo plano (como Nashville de Robert Altman) e o xeito de transmitir e remitirnos á vida e ao cine mesmo, diferenciándose doutros modelos.
CARTA BRANCA A MIGUEL GOMES (5 longametraxes seleccionadas polo autor portugués):
Martes 21 de xullo (20.30 horas)
RECORDAÇOES DA CASA AMARELA, UMA COMÉDIA LUSITANA
(Portugal, 1989)
Dirección e guión: Joâo César Monteiro. Produción: Invicta Filmes. Fotografía: José António Loureiro. Intérpretes: Joâo César Monteiro, Manuela de Freitas. Duración: 122 minutos.
León de Prata en Venecia. A historia dun pobre home de mediana idade, Joâo de Deus, que vive nunha modesta pensión. Doente, cinéfilo, apaixonado de Schubert, confrontado ao espazo urbano, a miseria domina por todos os flancos a súa vida. Internado nun hospicio, sairá cunha misión clarividente cara ao mundo.
Xoves 23 de xullo (20.30 horas)
O BOBO
(Portugal, 1987)
Dirección: José Álvaro Morais. Guión: Rafael Godinho, sobre a narración de Alexandre Herculano. Produción: Animatógrafo, Fundaçâo Calouste Gulbenkian e IPC. Fotografía: Mário de Carvalho. Intérpretes: Fernando Heitor, Paula Guedes. Duración: 120 minutos.
Premiada en Locarno, inspirada nun libro escrito por Alexandre Herculano logo da guerra civil portuguesa de 1832-1834, unha reflexión sobre a Historia de Portugal e a forza dos elementos naturais a cargo de Morais (1945-2004).
Luns 27 de xullo (20.30 horas)
QUANDO TROVEJA
(Portugal, 1999)
Dirección: Manuel Mozos. Guión: Manuel Mozos e Jeanne Waltz. Produción: AS, IPACA, ICAM e RTP. Fotografía: José António Loureiro. Intérpretes: Miguel Guilherme, Elsa Valentim. Duración: 110 minutos.
A relación de Antonio con Ruth remata inesperadamente. Ruth marcha a vivir con Pedro, o mellor amigo de Antonio. Afundido e desesperado, Antonio comeza a saír adiante grazas a dous estraños seres que saen do bosque, Violeta e Gaspar. O filme proponse tamén como diálogo coa primeira longametraxe de Gomes, firmado por un amigo e colaborador seu, Manuel Mozos (Lisboa, 1959).
Mércores 29 de xullo (20.30 horas)
NÓS POR CÁ TODOS BEM
(Portugal, 1977)
Dirección: Fernando Lopes. Guión: Fernando Lopes, sobre o poema de Alexandre O´Neill “Coro das Criadas de Servir”. Produción: CPC. Fotografía: Manuel Costa e Silva. Intérpretes: Zita Duarte, Vanda França. Duración: 80 minutos.
Mesturando actores profesionais con habitantes dunha pequena aldea portuguesa, documental e ficción, Lopes conta a historia dun equipo de rodaxe ao tempo que o día a día da vila. Nesta ocasión establécese un diálogo coa segunda longametraxe de Gomes.
Venres 31 de xullo (23.00 horas)
JARDIM
(Portugal, 2007)
Dirección, guión e produción: Joâo Vladimiro. Duración: 80 minutos.
Documental sobre o xardín Calouste Gulbenkien firmado polo tamén director teatral Joâo Vladimiro.