Esta semana o Centro Galego de Artes da Imaxe adica un ciclo con Luís García Berlanga coma protagonista. Dende o martes día 18 ata o venres, día 21 de decembro, poderanse ver algúns dos títulos máis representativos do cineasta.
MARTES 18 de decembro (18.00 e 20.30 horas)
EL VERDUGO / LA BALLATA DEL BOIA
(España-Italia, 1963)
Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Luis García Berlanga, Rafael Azcona e Ennio Flaiano, sobre un argumento de Luis García Berlanga. Produción: Naga Films S.A. (España) e Zebra Films S.P.A. (Italia). Fotografía: Tonino Delli Colli. Intérpretes: Nino Manfredi, José Isbert, Emma Penella. Duración: 87 minutos.
O empregado dunha funeraria casa coa filla dun verdugo. Por mor da carencia de medios e de vivenda, vese obrigado a seguir os pasos laborais do seu sogro. Axiña recibe a orde de executar un reo. Premio da crítica en Venecia para outro feroz microcosmos de grotesco humor, creba co realismo social ao uso, libera o espazo da coralidade anterior –na procura de novos empeños- e posúe unha meticulosa e ben medida estrutura. Outra peza maxistral.
MÉRCORES 19 de decembro (18.00 e 20.30 horas)
LA BOUTIQUE / LAS PIRAÑAS
(España-Arxentina, 1967)
Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Rafael Azcona e Luis García Berlanga. Produción: Cesáreo González PC (España) e Argentina Sono Films S.A.C.I. (Arxentina). Fotografía: Américo Hoss. Intérpretes: Sonia Bruno, Rodolfo Bebán. Duración: 88 minutos.
Ricardo é un home de negocios casado. Mentres a súa Muller, Carmen, se aburre, Ricardo divírtese coas carreiras de coches e algún ca outro flirteo. Carmen pide axuda á súa nai. Un dos filmes menos coñecido de Berlanga, preto do espírito de certa comedia italiana, unha coprodución do galego Cesáreo González con Arxentina, onde a indagación vai cara a unha das vertentes cruciais na obra seguinte de Berlanga, do varón reprimido ás conflitivas relacións home-muller e a representación de ambos a dous.
XOVES 20 de decembro (18.00 e 20.30 horas)
¡VIVAN LOS NOVIOS!
(España, 1969)
Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Luis García Berlanga e Rafael Azcona. Produción: Cesáreo González PC. Fotografía: Aurelio G. Larraya. Intérpretes: José Luis López Vázquez, Laly Soldevila, José María Prada. Duración: 83 minutos.
Leo Pozas, natural de Burgos e alto empregado de banca, chega a un lugar da Costa Brava acompañado de súa nai para se casar con Loli. A nai de Leo morre de xeito inesperado. Isto pode representar a suspensión da voda e un ano de loito, así que a parella decide ocultar o sucedido e agochar o cadáver ata despois da cerimonia. Título a recuperar, formou parte das películas que competiron na Sección Oficial de Cannes 1970. É tamén o primeiro filme en cor da súa traxectoria, unha subversión de tanta comedia desarrollista (e do landismo que comezaría a triunfar), un relato negro, coral e magnífico.
VENRES 21 de decembro (18.00 e 20.30 horas)
GRANDEUR NATURE / TAMAÑO NATURAL / LIFE SIZE
(Francia-Italia-España, 1973)
Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Rafael Azcona e Luis García Berlanga. Produción: Les Productions Fox Europa, Films 66, Uranus Productions France (Francia), Verona Produzione (Italia) e Jet Films S.A. (España). Fotografía: Alain Derobe. Intérpretes: Michel Piccoli, Rada Rassimov. Duración: 101 minutos.
Rodada en Francia e non estreada en España ata 1977, Berlanga ofrece o insólito relato dun dentista burgués (inesquecible Michel Piccoli), casado, farto do amor con mulleres -pola súa consideración de que sempre se lle pide algo en troques do amor-, decide buscar unha amante submisa. A elixida é unha boneca de plástico de tamaño natural. A soidade e a incomunicación nun filme (inesperadamente) polémico e mal entendido no seu momento, unha traxedia sen concesións nin blindaxe que ofrece algunhas das constantes que Berlanga viña desenvolvendo nos anos previos.