CICLO ADICADO AO LITERATO GALEGO WENCESLAO FERNÁNDEZ NO CGAI

4 / 11 / 2010

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) comeza mañá día 5 de novembro un ciclo dedicado ao literato galego Wenceslao Fernández Florez con motivo do 125 aniversario do seu nacemento. Proxectáranse LOS QUE FUIMOS A LA GUERRA (1961) de Julio Diamante (18.00 horas) e EL MALVADO CARABEL (1955) de Fernando Fernán-Gómez (21.00 horas). Nesta sesión das 21 horas presentará a figura de Fernández Florez o historiador cinematográfico e catedrático de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela José Luis Castro de Paz. A entrada para éste pase é gratuíta. O ciclo faise en colaboración coa Asociación da Prensa da Coruña e prosegue os días 6 e 20 de novembro e 4 de decembro.

 

WENCESLAO FERNÁNDEZ FLÓREZCon motivo do 125 aniversario do seu nacemento, unha aproximación a algunhas das excelentes adaptacións cinematográficas que teñen como referencia a literatura do escritor galego Wenceslao Fernández Flórez (A Coruña, 1885-Madrid, 1964), figura capital da súa época. Destacado polo seu persoal sentido do humor, impregnado de fatalismo e melancolía; a conciliación de elementos ludolingüísticos; as descricións costumistas cheas de realismo; o sentido autorreferencial e metanarrativo de moitos dos seus relatos; a concepción desmitificatoria, irónica e mesmo subversiva da existencia que transloce o seu universo narrativo, Fernández Flórez vai ser un dos autores con máis versións fílmicas da Historia do cine español ­especialmente nos anos 40 e 50-, chegando a colaborar como dialoguista, argumentista e guionista nalgúns traballos. Entre os vinte e cinco filmes posibles e observando a presenza na sala do CGAI varias veces de títulos que adaptaban o literato coruñés (o último a magnífica Camarote de lujo), entre as comedias sofisticadas, policiais ou radicais melodramas, escollemos unha liña de títulos presididos pola vontade autoconsciente, o humor e a tendencia ao relato reflexivo e metacinematográfico que nos permite recuperar desde a comedia amarga El malvado Carabel (1955) de Fernando Fernán-Gómez á primeira longametraxe de Julio Diamante, Los que no fuimos a la guerra (1961), pasando pola deconstrución d¹El destino se disculpa (1945) de Saénz de Heredia, a potente fábula de posguerra El hombre que se quiso matar (1942) de Rafael Gil, protagonizada polo tamén galego Antonio Casal, e o melodrama amoroso Ha entrado un ladrón (1949) de Ricardo Gascón.

LOS QUE NO FUIMOS A LA GUERRA (España, 1961)Dirección e guión: Julio Diamante, sobre narración de Wenceslao Fernández Flórez. Produción: Saroya Films P.C. Fotografía: Manuel Rojas. Intérpretes: Laura Valenzuela, Juanjo Menéndez. Duración: 97 minutos. O ancián don Javier asiste a unha proxección bélica e lembra as imaxes da guerra do 14, na que non participou pero da que foi vítima minúscula e inesperada. Desde a súa xuventude na cidade de provincias Iberina, onde traballaba para o xornal local, don Javier asiste á ruptura da súa férrea amizade coa familia de Aurora por diferenzas de bandos na guerra, o que leva aos dous mozos a ter que verse ás agachadas. A primeira longametraxe de Julio Diamante tivo abundantes problemas coa censura, impedindo mesmo o título inicial, Cuando estalló la paz. 

EL MALVADO CARABEL(España,1955)Dirección: Fernando Fernán-Gómez. Guión: Fernando Fernán-Gómez e Manuel Suárez Caso, sobre a narración homónima de Wenceslao Fernández Flórez. Produción: Unión Films. Fotografía: Ricardo Torres. Intérpretes: Fernando Fernán-Gómez, María Luz Galicia. Duración: 91 minutos. Amaro Carabel é un humilde oficinista da potente inmobiliaria Giner e Bofarull, mais o salario escaso impídelle casar coa súa prometida, Silvia. A desgraza parece abaterse sobre Amaro cando o despiden da empresa e o abandona Silvia, polo que decide converterse nun home malo. Lánzase con verdadeiro entusiasmo polo camiño da delincuencia, pero só logra roubarse a si mesmo e incluso perder algo dos escasos cartos que lle quedan. Finalmente o seu obxectivo vai ser a caixa forte de Giner e Bofarull.  

EL DESTINO SE DISCULPA(España, 1945)Dirección e guión: José Luis Sáenz de Heredia. Produción: Ballesteros. Fotografía: Hans Scheib. Intérpretes: Rafael Durán, Fernando Fernán-Gómez. Duración: 66 minutos. Ramiro Arnal é un poeta mozo farto da súa localidade natal. Xunto a Teófilo Dueñas, incipiente actor, viaxa a Madrid na procura de ambicións máis elevadas. A sucesión de fracasos só se ve mitigada pola inesperada herdanza dun tío de Ramiro emigrado a Cuba. Pero Ramiro reacciona fatalmente á nova. 

EL HOMBRE QUE SE QUISO MATAR(España, 1942)Dirección: Rafael Gil. Guión: Luis Lucia, sobre base argumental de Wenceslao Fernández Flórez. Produción: CIFESA. Fotografía: Isidoro Goldberger. Intérpretes: Antonio Casal, Rosita Yarza. Duración: 80 minutos. Federico Solá, arquitecto, desexa suicidarse logo de enlazar unha serie de fracasos (sen traballo, sen moza, sen casa e sen apoio familiar). Un amigo recoméndalle que promova a súa morte e que viva nos derradeiros días algo semellante á felicidade. Logo de asinar un contrato, Federico, máis seguro e sen nada que perder comeza esa nova vida coas horas contadas…

HA ENTRADO UN LADRÓN(España, 1949)Dirección: Ricardo Gascón. Guión: Ricardo Gascón e Manuel Bengoa, sobre a narración de Wenceslao Fernández Flórez. Produción: Titán Films. Fotografía: Enzo Serafín. Intérpretes: Roberto Font, Margaret Genske. Duración: 98 minutos. Jacinto Remesal marcha da súa vila natal, San Fiz, a Madrid. Alí, onde esperaba atopar novos horizontes, descobre que a vida pode ser tamén amarga e monótona. Unha tentativa de roubo á que asiste na veciñanza ermítelle coñecer unha moza, Natalia, da que se namora perdidamente, aínda que non parece ser correspondido. 

Categoría: Novas
Etiquetas: