O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza éste venres día 2 de novembro (18.00 e 20.30 horas) coa proxección dos documentais Bromas Aparte (2010) de Vanessa Rousselot e WAITING (2011) de Naël Khleifi un ciclo dedicado ao cine árabe grazas á colaboración coa 10º edición do Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal. Unha selección de títulos (dez), sobre as máis de trinta longametraxes e curtas de ficción e non ficción que concursaron na edición deste ano, permite ao espectador do CGAI gozar dunha programación singular, que vai do descubrimento da chegada da electricidade a Marrocos á inmigración europea ou o papel das mulleres nas culturas musulmáns. A entrada a todas as sesións é de balde. FESTIVAL EUROÁRABE AMAL
En colaboración coa 10ª edición do Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal.
Co lema “Dez anos dando voz aos que son enmudecidos”, entre o 14 e o 20 de outubro celebrouse a décima edición do Festival Amal (Santiago de Compostela), certame que proxectou desde os seus comezos máis de trescentos títulos producidos ou co-producidos por países árabes. Unha selección de títulos, sobre as máis de trinta longametraxes e curtas de ficción e non ficción que concursaron na edición deste ano, permite ao espectador do CGAI gozar dunha programación singular, que vai do descubrimento da chegada da electricidade a Marrocos á inmigración europea ou o papel das mulleres nas culturas musulmás. Filmes que nos falarán dos países árabes, da súa xente, dos seus costumes e das súas preocupacións, que resaltarán o poder da amizade, do sentido do humor e das conviccións nun mundo no que tomar a palabra recobra o seu sentido orixinal: o de transformar o cine nun acto e nunha reivindicación.
VENRES 2 de novembro (18.00 e 20.30 horas):
BLAGUE À PART / (NO) LAUGHING MATTER / BROMAS APARTE
(Francia-Palestina, 2010)
Dirección: Vanessa Rousselot. Produción: Eo Productions. Fotografía: Philippe Bellaiche. Duración: 54 minutos.
Convencida de que o humor non ten fronteiras, unha realizadora lánzase, nun periplo nada habitual, na procura do humor en Cisxordania. Chistes, comentarios políticos burlóns e anécdotas agridoces somérxena nun universo descoñecido, onde segue brillando unha chispa de esperanza e de humanidade entre as sombras do conflito.
EN ATTENTE… / WAITING
(Bélxica, 2011)
Dirección: Naël Khleifi. Produción: CBA, Sourat Films e Sindibad. Duración: 45 minutos.
O filme narra a vida diaria da comunidade de inmigrantes indocumentados de orixe afgá que viven en Calais. Son invisibles para a sociedade, aínda que perseguidos pola policía, e convértense en auténticas sombras que se agachan nas vías do tren e nos terreos abandonados. Debut de Naël Khleifi, fillo do director palestino Michel Khleifi, premiado en Cannes.
MARTES 6 de novembro (18.00 e 20.30 horas):
RABAT
(Holanda, 2011)
Dirección e guión: Jim Taihuttu e Victor Ponten. Produción: Habbekrats. Fotografía: Lennart Versteggen e Alex Wuijts. Intérpretes: Nasrdin Dchar, Achmed Akkabi, Marwan Kenzari. Duración: 102 minutos.
O periplo de tres amigos (Nadir, Abdel e Zakaria) por unha estrada. Cando un día o pai de Nadir o manda levar o seu vello taxi desde Amsterdam ata Rabat, os seus dous mellores amigos considéranse convidados. A viaxe conduciraos por Europa, pasando por España, ata a cidade marroquí. Premio á mellor longametraxe de ficción, director e actor (o trío protagonista) en Amal 2012.
MÉRCORES 7 de novembro (18.00 e 20.30 horas):
HOUSE
(Xordania-Alemaña, 2011)
Dirección, produción e fotografía: Ahmad Saleh. Guión: Ahmad Saleh e Saleh Saleh. Duración: 4 minutos.
Durante xeracións, unha familia viviu nunha casa espazosa, bonita e acolledora. Os amigos acudían para pasar un día agradable. Ata que un día un convidado se presenta cunha intención ben distinta.
EID
(Palestina, 2011)
Dirección e produción: Saaheb Collective. Duración: 9 minutos.
Eid é un beduíno que vive en Palestina Baixo a ocupación israelí e que se dedica a recoller refugallo para convertelo en arte. Unha celebración do optimismo e a integridade que enarbora a expresión artística como forma de loita. Primeiro proxecto do colectivo Saaheb. Premio á mellor curtametraxe documental en Amal 2012.
LE THÉ OU L’ÉLECTRICITÉ
(Bélxica-Marrocos, 2011)
Dirección e guión: Jérôme le Maire. Produción: Iota Production. Duración: 93 minutos.
A historia épica da chegada da electricidade a unha aldea illada no corazón do Alto Atlas marroquí. Ante a nosa mirada faise realidade a modernización implacable do lugar. Premio á mellor longametraxe documental en Amal 2012.
XOVES 8 de novembro (18.00 e 20.30 horas):
PARTAGE
(Exipto-Libia, 2010)
Dirección, guión e produción: Salah Ghuwedr. Fotografía: Evangelos Vlachakis. Intérpretes: Abduuelrahim Ettaher, Zuhra Mosbah. Duración: 11 minutos.
Drama sen diálogos que amosa unha familia humilde que só pode mercar un único par de zapatos para os seus dous fillos. Polo camiño, unha reflexión sobre o custo da guerra para os máis débiles.
SUR LA ROUTE DU PARADIS
(Francia, 2011)
Dirección: Uda Benyamina. Guión: Uda Benyamina e Malik Rumeau. Produción: Easy Tiger. Fotografía: Michaël Capron. Intérpretes: Majdouline Idrissi, Sanna Marouk. Duración: 43 minutos.
Leila e os seus dous fillos, Sarah e Bilal, deixaron a súa terra natal para se instalar en Francia. Sen papeis, na procura do seu marido refuxiado en Inglaterra, Leila desexa ofrecerlle á súa familia unha vida mellor na clandestinidade. Benyamina, tamén actriz e guionista de orixe siria-marroquí, prepara na actualidade a súa primeira longametraxe.
VENRES 9 de novembro (18.00 e 20.30 horas):
LIVING IN THE NILE
(Exipto, 2010)
Dirección e produción: Mohammad El Wassify. Duración: 10 minutos.
Fares é pescador polo día e traballa nun barco turístico pola noite. Coa súa muller e seus tres fillos vive no río Nilo. Para eles, o Nilo o é todo.
BEIRUT, BUENOS AIRES, BEIRUT
(Qatar-Arxentina, 2011)
Dirección: Hernán Belón. Guión: Hernán Belón e Grace Spinelli. Produción: Grace Spinelli. Duración: 84 minutos.
Grace é unha muller de orixe libanesa que vive en Bos Aires. Un día a súa tía avoa cóntalle que o seu bisavó Mohammed non morreu na Arxentina: volveu ao Líbano, o seu país de orixe. Grace decide investigar a súa vida a través dunhas cartas e do testemuño da súa tía avoa.