CGAI JUNIOR PROXECTA OHAYO (BUENOS DÍAS)

11 / 05 / 2012

Mañá día 12 de maio ás 18.00h, proxectarase para maiores de 10 anos Ohayo, de Ozu, no Centro Galego de Artes da Imaxe. A entrada é de balde OHAYO / BUENOS DÍAS

(Xapón, 1959)
Dirección: Yasujiro Ozu. Guión: Yasujiro Ozu e Kôgo Noda. Produción: Shôchiku Eiga. Fotografía: Yûharu Atsuta. Intérpretes: Keiji Sada, Yoshiko Kuga. Duración: 94 minutos.
Como decote, os compoñentes dunha familia calquera dispóñense a afrontar os seus problemas, os seus soños e realidades. O pai, os altibaixos no traballo, as esixencias dos fillos e máis a súa educación. A nai, a preocupación de empregar ben os cartos e as múltiples complicacións da vida doméstica. E os fillos a obsesión por teren televisión na casa, un deles ensumido nos estudos e perturbado por un defecto físico. Esta película contempla o suburbano Xapón dos anos 50.
Céntrase nas vidas diarias da xente dunha pequena comunidade e no xeito de actuar destes habitantes. A través deles, o filme demostraranos o poder da fala na nosa vida habitual. Revisión dun clásico mudo anterior (He nacido, pero…) en que o mestre xaponés Yasujiro Ozu, en clave de comedia e seguindo a vida diaria nunha comunidade de veciños, nos mostra as mudanzas na sociedade xaponesa coa chegada da tecnoloxía. Reflexión, dende a sinxeleza dos nenos e sobre a base das relacións familiares, dos problemas de comunicación, da xerarquía ou da perda da inocencia. A partir dunha historia simple, Ozu agasállanos cunha película próxima e emotiva construída baixo a súa habitual ollada contemplativa do cotián. A partir dos 10 anos.  

Categoría: Novas
Etiquetas: