Esta noite chega á Televisión de Galicia Os mellores da clase un programa no que dúas persoas famosas revivirán experiencias da súa época de estudos e competirán para acadar o título que dá nome ao programa, coa axuda dalgúns compañeiros dese tempo.
Trátase da primeira incursión na dirección do noso asociado Carlos Roma, con quen tivemos a oportunidade de conversar sobre este novo espazo e tamén repasar a súa extensa traxectoria diante das cámaras.
Os mellores da clase combina talk show e concurso. Que podemos esperar deste novo formato?
Unha reivindicación do xénero do entretemento, que últimamente anda moi menosprezado. Coa chegada das plataformas de streaming, fálase dunha época dourada, pero só se refire á ficción. Entreter non é doado, cando queres conxugar diversión e contidos culturais, e por ahí van os tiros con Os mellores da clase. Trátase dunha volta aos grandes shows onde vas botar unhas risas e, xa de paso, aprender un par de cousas para contar na vindeira comida familiar.
A audiencia de Os mellores da clase tamén participará nunha viaxe ao pasado, á época dos anos escolares das persoas convidadas. De todas as épocas que aparecen no programa, cal foi a túa favorita e por que?
Non son nada nostálxico. O mellor momento sempre é hoxe, pero sen esquecer nin esconder os nosos referentes. Todo está inventado. Esta é unha das virtudes de Os mellores da clase: non renegamos da inspiración noventeira, pero todo o que sucede está moi conectado cos nosos días. Por poñer un par de exemplos: Boyanka Kostova e as Tanxugueiras forman parte da nosa banda sonora, e o vestiario de María Mera, magnífica selección de María Fandiño, é toda unha declaración de intencións sobre a muller do século XXI.
Como foi o traballo con María Mera, presentadora do espazo e, ao igual que ti, asociada da Academia?
María é xenerosa, disciplinada, intuitiva e rebosa talento. Nunca traballaramos xuntos e resultou moi doado. Falamos moito e emprendimos esta máxica viaxe collidos da man. Agardo que Os mellores da clase supoña un punto de inflexión na súa carreira. Faino tan ben! E si, é amor de director. Pero como persoa que leva vista moita tele, podo afirmar que neste programa María está á altura das grandes presentadoras como Mayra [Gómez Kemp] ou Raffaella [Carrá]. A pregunta debería de ser, cando vou volver traballar con María?
“Como persoa que leva vista moita tele, podo afirmar que neste programa María Mera está á altura das grandes presentadoras como Mayra [Gómez Kemp] ou Raffaella [Carrá]”
Carlos Roma, director de Os mellores da clase.
Eres moi coñecido pola audiencia polo teu traballo diante das cámaras e este é o teu primeiro traballo como director de entretemento. Como definirías a experiencia?
Pasaron máis de vintecinco anos dende a primeira vez que me sentei nun estudo de radio con Piñeiro e todo o proceso sucedeu dun xeito moi natural e sen precipitacións. Entendo que como sociedade precisamos ubicar aos nosos membros en cubículos, pero traballamos no audiovisual. Temos a obriga de refacer o guión e a escaleta unha e outra vez! Que hai de raro en dirixir un programa despois de máis de dúas décadas de oficio? Ao final todo se resume en contar: presentando, escribindo ou dirixindo.
Antes de Os mellores da clase, traballaches como coordinador de redacción en Ruralitas (La 2) e subdirector de A miña familia pola túa (TVG), dous formatos que te puxeron en contacto con persoas e historias do máis diversas. Houbo alguén que te impactara especialmente?
Sorpréndeme a xente que ainda se ilusiona por sair nun programa da tele. Con toda a caña que nos dan!
“Sorpréndeme a xente que ainda se ilusiona por sair nun programa da tele”.
Carlos Roma, director de Os mellores da clase.
Na TVG desenvolvéronse parte dos comezos da túa traxectoria profesional, nun programa de referencia como foi o Tardes con Ana, coa lembrada Ana Kiro. Que lembras daquela época?
Traballei con Ana Kiro, oh yeah! Que máis queres que che diga? Ana é historia de Galicia e eu tiven a fortuna de coñecer á diva e á muller. Lembro, sobre todo, as fins de semana naquela casa fronte ao mar, as conversas e as comidas con sobremesas interminables que se convertían en merendas e despois en ceas. No aspecto profesional, a mirada é tenra e moi inocente: tiña 25 anos, saía na tele cunha estrela e facíamos audiencias do trinta por cento.
Vouche contar unha anécdota: Ana Kiro era a protagonista absoluta do Tardes con Ana e, dende a miña devoción, quería enfatizalo máis. De sempre fun moi fan de Batman, e se o home morcego tiña a batcova ou o batmóbil, Ana tivo os seus Kiropuntos e o xa mítico Kirorreloxo. En Os mellores da clase hai moitas referencias a Ana Kiro, un xeito sutil de volver coincidir ámbolos dous nun plató.
Na túa opinión, que cambios se produciron na televisión nestes anos?
Imos abrir ese melón? Un milleiro de cambios! O caducidade inmediata de todo pola sobreoferta, o modelo de audiencias que xa non funciona, o deseño das grellas, as pantallas, o xeito de consumo… Podemos teorizar todo o que queirades, pero ao final é o espectador quen manda.
Xa para rematar, podes adiantarnos que imos ver esta noite no primeiro programa de Os mellores da clase?
Un programón! Neste primeiro, por exemplo, teremos a Eva Iglesias emocionándose cun bocadillo de pinchos morunos e a Alberto Comesaña lembrando cando mercaba Virxes de Covadonga en Andorra. Si, en Andorra. Quen da máis?