Carlos Prado Pampín: “Todos somos pequenos heroes ou viláns nas nosas vidas”.

7 / 09 / 2021

O noso asociado Carlos Prado dirixe unha historia de dor, superación e loita, contada a partir dos ollos de Rosa, unha nai que ve como o seu fillo de dez anos resulta gravemente ferido nun accidente de tráfico. Ese fillo é Aarón González quen loita por converterse en campión de boxeo. Esa historia é Devolvendo o golpe, que chega ao festival Primavera do Cine de Vigo, onde terá lugar a súa estrea galega.

Qué diferencia atopas entre este documental e outros que podan tratar a mesma temática? 

Eu penso que o que fai diferente a Devolvendo o golpe é o enfoque, o fío condutor de todo: a nai de Aarón, Rosa. Ela é a co-protagonista, quen conta a historia porque a viviu moi de preto. Penso que isto lle dá un toque orixinal á temática de boxeo e á historia de superación. Aarón é un boxeador forte, botado para adiante, todo un campión, pero segue a ser tamén ese neno fráxil aos ollos da súa nai. Coido que ela lle dá un punto de tenrura á historia e fainos entrar na súa familia, sentirnos un máis. Rosa é todo un personaxe, con moito carácter, sen pelos na lingua, e penso que non vai deixar indiferente a ninguén. 

Outro punto que, penso,  fai este filme diferente son a imaxe e a montaxe. A produtora coa que traballei, Trece Amarillo, adícase sobre todo aos videoclips (por exemplo os últimos das Tanxugueiras, finalistas nos pasados Mestre Mateo) e traballa cunha estética moi cinematográfica, moi coidada e persoal; isto nótase no documental, cun ritmo trepidante, unha fotografía moi coidada e con escenas que, moitas veces, parecen máis dunha película de ficción que dun documental. 

“Aarón é un boxeador forte, botado para adiante, todo un campión, pero segue a ser tamén ese neno fráxil aos ollos da súa nai”.

Carlos Prado Pampín, director de Devolvendo o golpe

Que debe ter unha historia para que pague a pena ser contada? Ou es da opinión de que de calquera historia o merece?

Eu penso que é moi importante o enfoque que lle dás á historia que queres contar para que teña interese e forza. Por exemplo, cando coñecín á nai de Aarón a súa forza e o seu carácter conquistáronme, fíxome un clic na cabeza e dixen: “aquí está o punto de vista que vai guiar a historia”. Posiblemente sen ter coñecido a Rosa, non teriamos hoxe Devolvendo o golpe, porque aínda que todo o que lle pasa a Aarón é admirable, el é un rapaz tímido diante da cámara, e se cadra, a historia non tería saído ben. Mais con Rosa o documental gañou o peso que precisaba para botar a andar. 

Coido que toda historia é digna de ser contada, de ser narrada en imaxes; todos somos, dunha forma ou outra, pequenos heroes ou viláns nas nosas vidas, pero temos que ser conscientes das limitacións que ten cada historia para narrala en formato cinematográfico. Coñecendo as limitacións podes descartar proxectos que, en aparencia, semellaban moi apetecíbeis pero que non tiñan o gancho suficiente para levalos á pantalla, e, pola contra, unha pequena historieta en aparencia sen importancia, pode desencadear un traballazo se hai un gancho potente para o espectador, tamén na forma de contala. 

Devolvendo o golpe contou co apoio dun bo número de mecenas, por que cres que quixeron apoiar o proxecto? 

A verdade é que foi unha grata sorpresa a resposta da xente. Conseguimos o obxectivo marcado unha semana antes do fin do prazo do crowdfundig. Nós pensabamos que iamos sufrir para chegar á cantidade fixada, porque ademais foi o ano pasado, no medio da pandemia, con moitos comercios pechados, con xente en ERTE ou sen traballo. Pero quixeron igualmente axudarnos, aínda que fora cunha cantidade pequeniña, e así, gran a gran, entre todos, conseguímolo. 

Penso que os mecenas responderon porque fixemos unha boa campaña de comunicación e lle explicamos a moita xente unha historia con moito magnetismo, moi emotiva e ademais, positiva e cun final feliz, e coido que a xente quere e necesita nestes tempos ese tipo de historias, que animen a loitar e a saír adiante. Querían que o documental fora unha realidade e así o lograron.  

O boxeador Aarón González, protagonista do documental.

Desde un punto de vista persoal, que buscas con este proxecto? 

Quero que o público sinta todo tipo de emocións co documental, porque realmente é unha montaña rusa de sentimentos, con momentos que escachas a rir e momentos nos que ao mellor corre algunha bágoa. Iso é o que busco eu cando elixo unha película, que me faga sentir e pensar, que saia do cine cos pelos de punta ou cun sorriso de orella a orella, pero que non me deixe como estaba antes de que apagasen as luces, e iso é o que busco con Devolvendo o golpe

Gustaríame que durante a hora e pico que dura, o público forme parte da familia de Aarón, que sexa un máis dos que adestran con el, ou que sinta a forza da súa nai como se fose unha amiga de sempre. Quero que a xente entre na historia e que, cando remate, fagan unha reflexión do que acaban de ver. 

Agardo tamén que o documental chegue lonxe e que teña unha boa distribución porque creo que a historia de Aarón e Rosa, aínda que é unha historia local, dunha parroquia de Marín, é universal, é a loita diaria de moita xente por saír adiante e por cumprir os seus soños. Por moitos paus que che poñan na roda, se loitas, consegues o que te propós. 

“Aínda que é unha historia local, dunha parroquia de Marín, é universal, é a loita diaria de moita xente por saír adiante e por cumprir os seus soños”.

Carlos Prado Pampín, director de Devolvendo o golpe

Pódese ver a boa promoción feita en redes sociais, que papel xogaron as redes na comunicación do documental?

Iso foi unha das estratexias que tíñamos claras dende o principio, a promoción dixital. Boa parte do futuro, e xa do presente, das promocións, marketing e publicidade do mundo do cinema, penso que está nas redes sociais, e para iso falamos con Pitu Santalla, unha community moi recoñecida e aceptou levarnos as redes do documental porque coñecía a historia de Aarón, xa que ela tamén practicara full contact. 

Dende o principio fixo unha estratexia acorde co documental e a verdade é que funcionou de marabilla, chegamos a moita xente en moi pouco tempo, e foi básico para acadar o obxectivo do crowdfunding. Pitu atacou dende dúas frontes: Facebook para chegar a un segmento de poboación de 30-35 ata os 60-65 anos; e logo con Instagram para chegar aos mais novos, de 15-20 ata os 30 anos. Así tiña cuberto o público obxectivo do documental, futuros espectadores e mecenas.  

O 23 de xullo tivo lugar a preestrea, podes contarnos como foi?

Foi un día moi emotivo para min, sobre todo por facer a preestrea no cine Seixo de Marín. É un sitio moi especial, un cine clásico dos anos 40 do século pasado, historia viva que aínda funciona grazas á paixón dos seus propietarios e ao amor que teñen polas pelis. Ver de novo ese cine cheo de xente, coma nos vellos tempos, con colas para entrar, a xente facéndose fotos no photocall, foi espectacular. 

A acollida non puido ser mellor, todo boas palabras, boas críticas e incluso bágoas pola emoción de moita xente . Pero se cadra o que máis me emocionou foi ver a toda a familia de Aarón contenta polo resultado. Non foi fácil porque tocamos temas moi sensibles: abrimos feridas que estaban pechadas e volveron chorar, “sangrar”, lembrar eses malos momentos vividos… foi unha rodaxe moi dura por todo iso, por retornar a un pasado que tiñan case esquecido, pero pagou a pena porque o resultado lles encantou. 

Fotografía da preestrea en Marín.

Eres coñecido, sobre todo, como reporteiro. Resulta difícil de compaxinar ese perfil co traballo que desenvolves detrás das cámaras?

Moitas veces é difícil de compaxinar, sobre todo pola falla de tempo que implica ser reporteiro. Son moitas horas de viaxe, xa que cubrimos información e novas de toda Galicia e incluso Asturias e norte de Portugal. Moitas horas no coche, moitos quilómetros e horas de gravación e directos. 

Pero precisamente por iso, para min, facer documentais, ficción, curtas… é unha especie de cambio de chip, unha paixón, un traballo que fai que desconecte do meu traballo diario. Nas noticias teño que contar as historias que marca a actualidade, pero facendo cine podo elixir eu a historia, o enfoque, a estrutura narrativa, as personaxes… é o mesmo traballo que fago na televisión, contar historias, pero a diferencia é que as historias elíxoas eu. Eu decido qué e cómo o quero contar.

Tes en mente novos proxectos para dirixir? 

Sempre ando con mil historias na cabeza, con cadernos apuntando ideas e facendo esquemas e borradores. Moitas das noticias que fago son unha fonte de inspiración para tomar notas para futuras curtas ou documentais, porque sí que é certo que a realidade supera á ficción moitas veces. 
Fixen primeiro imaxe e son e comecei facendo curtas de ficción antes de ser xornalista, como Vellas, A man ou a máquina, Alí e Alá… e agora quero volver facer unha curta de ficción, agardo que sexa o meu seguinte proxecto de dirección e guion. Pero tamén é certo que lle collín o gusto aos documentais. É un mundo fascinante. Se acertas cunha boa historia e bos personaxes, podes construír algo moi fermoso. Tamén teño unha idea para un novo documental, así que agardo que o vindeiro ano sexa de traballo intenso.

Categoría: Entrevistas / Novas
Etiquetas: