Carlos Ares, novo Presidente da Academia

8 / 05 / 2015

A Academia Galega do Audiovisual elixiu esta tarde na Asemblea Ordinaria e Electoral celebrada en A Coruña, á nova xunta directiva que rexerá a vida da asociación de profesionais do audiovisual nos vindeiros dous anos. A única candidatura presentada, co ex presidente da Asociación Galega de Guionistas Carlos Ares á cabeza, foi elixida por aclamación polos socios asistentes.

A actriz Tamara Canosa e o músico e compositor Nani García acompañarán a Ares nesta nova andaina ao fronte da Academia. O resto do equipo directivo está formado polo director Dani de la Torre; o actor Antonio Durán “Morris”; o ensinante e documentalista Manolo González; a xornalista e presentadora Irene Lourido; a produtora Luisa Romeo González; a actriz María Vázquez; e a produtora e xornalista María Yáñez Anllo.

Durante a Asemblea, Carlos Ares destacou que “a Academia ten que ser un caxato no que todas as persoas que traballamos no audiovisual galego poidamos apoiarnos para facer camiño xuntos. Debe ser un punto de representatividade, de unión de todos e de todas”. Ademais, puntualizou que “temos que dinamizar, promover, fomentar o coñecemento do noso cine, a nosa televisión e outras disciplinas audiovisuais, o noso patrimonio audiovisual, a nosa cultura en definitiva, entre a sociedade”. Por último, sinalou que “a Academia debe ser a casa de todos”.

Categoría: Novas
Etiquetas: