O pasada semana estreouse no Centro Artístico Sportivo de Ponteareas Mínimo común múltiplo 2.0 con gran éxito de público. Máis dun centenar de persoas acudiron ao acto que serviu ademais para abrir a programación da II Mostra Internacional de Videocreación do Condado, que rematou o domingo día 4.
A curtametraxe (sexta da filmografía do director ferrolán) narra a historia de Andrea (Marta Larralde), unha moza de 30 anos que vive instalada nunha rutina laboral e sentimental que se esnaquizará no momento máis insospeitado. Coca aposta con este filme por unha historia de amor contada en clave de suspense.
Mínimo común múltiplo 2.0, que foi rodada integramente en Ferrol e na que participan os actores Alex Neira, Marta Larralde, Lourdes Sanmartín, Xoel Fernández e Tomás Romero, tende unha ponte entre a madurez e o mundo da infancia. En palabras do seu director “é unha película de recordos da nenez e de encontro coas amizades infantís perdidas co paso do tempo envolvido todo nunha atmosfera de misterio e de suspense”.