Blanco & Campos, retratos dun tempo estimulante

24 / 11 / 2015

Toñito Blanco e Chichi Campos, dous nomes para un tempo dun audiovisual que agora parece distante, a pesar de que non van alá máis de trinta anos. Cineuropa e a Academia Galega do Audiovisual lembraron o traballo de ambos dous personaxes que asumiron unha singular forma de facer que, segundo os invitados a esta xornada de lembranza, igual hoxe non se acaba de entender.

Compañeiros de xeración, de traballo, de gags, daquela Televisión de Galicia recordaron un sinfín de anécdotas de Toñito Blanco e Chichi Campos que teñen que ver cun tempo que segundo Xaime Fandiño “facíase unha televisión preindustrial, menos organizada pero con moita ilusión e con cousas que quizais hoxe non se aceptarían”. No mesmo sentido, Manuel Manquiña explicou despois dalgunhas historias de rodaxe e de gravacións de programas que sobardan o politicamente correcta que desde o sentido de “hoxe non se entende moi ben o carácter e o espírito daquela época e destes homes”.

Na sesión de Cineuropa proxectouse primeiro o documental de Nico Campos sobre Toñito Blanco e logo tres pezas de Chichi Campos procedentes do programa A ver que vai ser isto, presentadas por Antonio Durán, “Morris” e Manuel Manquiña. Era un tempo con máquina de escribir que foron, segundo Xosé Manuel Pereiro, “moi bos para a televisión porque non había control sobre a creatividade”. Para Morris foi unha xente tocada “polo talento e temibles por veces para traballar con eles porque sempre iamos apurados, esperando ao último momento polos guións”.

Carlos Ares preguntou aos invitados como verían a ambos os dous personaxes neste presente do novo milenio. Nico Campos asegurou que Toñito Blanco “podería ser un Santiago Segura dous e podería acabar en Mira quien baila ou algo así, aínda que fose para rebentalo”. Sobre Chichi, Nico Campos asegurou que el acabou “moi decepcionado coa transición agora estaría moitísimo máis”. A súa irmá, Tata Campos, explicou que a estas alturas da vida “el estaría indignado con todo o que pasa agora e estaría moi activo contra todo”. Pereiro prantexou a dúbida sobre que pasaría con calquera deles e a actividade das redes ou esa posibilidade de facer películas sen saír do móbil. No das redes, quizais Chichi Campos estaría activo, aínda alguén apuntou que estaba desencantando dos rumbos que tomara a sociedade a finais do século XX. Para Toñito Blanco a resposta tívoa Fandiño: “con todo iso que dicía do vídeo e de facer cine en vídeo, Toñito era completamente analóxico, porque daquela tamén era todo completamente analóxico e non sei se estaría a gusto con todo isto do dixital”.

O ano vindeiro cumpriranse vintecinco da desaparición de Chichi Campos e Carlos Ares adiantou a intención da Academia Galega do Audiovisual de preparar unha exposicións cos traballos como humorista gráfico que podería ter como marco tamén a Cineuropa.

Categoría: Novas
Etiquetas: