- As noticias do foro chegaron a unha audiencia de máis de dous millóns de usuarios.
- A temática de FIGA puxo o foco sobre unha cuestión que acapara titulares nas últimas semanas, como é a lingua.
A Coruña, 19 de novembro de 2024 | O II Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), sobre lingua e audiovisual, remata cun balance moi positivo en canto á repercusión nos medios, cun incremento de impactos dun 54% con respecto á edición anterior en medios de comunicación impresos, dixitais e as radios. Se revisamos esta estimación globalmente, FIGA obtivo unha valoración de máis de 95.000 € cunha audiencia aproximada de máis de dous millóns de usuarios.
Crece o interese mediático polos contidos dunha iniciativa que reuniu na Cidade das TIC da Coruña a máis de 30 profesionais para compartir o seu coñecemento e experiencia sobre unha cuestión que acapara titulares nas últimas semanas, como é a lingua, a raíz dos resultados do informe sobre coñecemento e uso da lingua galega do Instituto Galego de Estatística.
Poñendo o foco na lingua, o programa abriu a porta ao diálogo en campos como: a programación en plataformas, o deseño de contidos, a promoción e fomento do uso das linguas minorizadas no audiovisual, a dirección, o guión, a actuación, o subtitulado ou a tradución. As xornadas de FIGA estruturáronse en doce sesións temáticas durante tres días. As propostas incluíron o debate e as conferencias e fomentaron enormemente a participación dos asistentes, tanto nas roldas que pechaban cada mesa, coma no espazo reservado para as pausas.
A lingua tamén centrou as preocupacións da Mesa do Audiovisual Galego, integrada polas principais asociacións do sector, que emitiu o comunicado “Comprometidos cun audiovisual na nosa lingua” no que, entre outras cuestións, se reivindica que “o medio audiovisual é unha ferramenta fundamental para a difusión do idioma entre a sociedade”.
Nestes tres días, tratáronse de maneira transversal diferentes asuntos nos que destacou, por exemplo, a intención das canles públicas de Cataluña, Euskadi e Galicia de que “se cumpra o dereito da cidadanía a acceder a contidos en éuscaro, galego e catalán, especialmente nas franxas de menor idade”.
No campo da tradución e a interpretación, os relatores invitados concluíron que “a tradución é importante para poder ter acceso a contidos audiovisuais en linguas minorizadas” e, no caso das nosas producións, posibilita chegar máis lonxe. Ademais, sinalaron que “as obras españolas subtituladas ao inglés superan á suma do galego, catalán e éuscaro”. Resaltaron casos de éxito como “Handia”, “Pa Negre”, “O que arde” ou “O derradeiro artefacto socialista”, unha serie incluída nas principais listas de éxitos rodada en croata.
Por segundo ano FIGA recolleu os temas que inquedan ao sector e compoñen a súa actualidade máis inmediata. No 2023 versou sobre a Intelixencia Artificial e este novembro puxo o foco na situación da nosa lingua.
O Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual realizada grazas ao apoio do Concello da Coruña e a área de cultura da Deputación da Coruña, que contou nesta edición coa colaboración da Cidade das TIC e o Grupo de Estudos Audiovisuais da USC.