O AUDITORIO MUNICIPAL, NÚCLEO DAS ACTIVIDADES DO 18OUFF

8 / 11 / 2013

O Auditorio Municipal será o epicentro das actividades do 18 Festival de Cine Internacional de Ourense (18OUFF), que se desenvolverá do 16 ao 24 de novembro. Polas súas tres salas de proxección pasarán as películas da selección oficial de longametraxes e dos ciclos paralelos. O horario dos pases diarios no Auditorio será: 17:30h, 20:00h e 22:30h. Transporte especial para o 18OUFF | Achegarse ao 18OUFF desde calquera punto conectado por tren con Ourense sae moito máis barato: Renfe ofrecerá un 30% de desconto en todo tipo de trens presentando na estación de trens ou axencias de viaxes o formulario que está colgado na páxina web www.ouff.org.

Xa en Ourense, haberá un servizo de autobuses municipais dende o Parque de San Lázaro (ao lado da Seguridade Social) con horario de 17:00h, 19:30h e 22:00h, 30 minutos antes de cada pase. Para baixar ao Parque de San Lázaro, os autobuses sairán do Auditorio ás 19:15h, 21:45h e 0:40h.
Así mesmo, habilitarase unha parada de taxis na esquina das rúas Nuño de Ousende e da Canle, ao lado da parada do autobús.

Prezo e Venda de entradas | O Auditorio Municipal será tamén o punto de venda das entradas para o 18OUFF, que terán un prezo unificado de 3€. Tamén se poderán mercar as entradas a través de Novagaliciabanco.es (ao mesmo prezo).
No tocante aos bonos de 5 películas (máis o catálogo) poderán mercarse no Auditorio e en  Novagaliciabanco.es a un prezo de 12€ (os clientes de Novagaliciabanco terán un prezo reducido de 10€ ao empregaren a plataforma de venda dixital).

Gala de Inauguración | Xa están á venda as entradas para a Gala de Inauguración [Sábado 16, 20:30h, Auditorio Municipal], que incluirá o espectáculo de danza de SóLODOS e a proxección da película La Conspiración, de Pedro Olea. As entradas poden mercarse dende hoxe a través do portal Novagaliciabanco.es e desde o martes 12 nas oficinas do Auditorio Municipal. O prezo é de 3€.

Servizo de ludoteca | Como novidade desta décimo oitava edición, o Auditorio albergará un servizo gratuíto de ludoteca para o coidado dos máis cativos, aberta de 17:00 a 22:00 horas.

Outras sedes do 18OUFF | Ademais do Auditorio Municipal, o Teatro Principal e o Centro Cultural Marcos Valcárcel tamén serán sedes oficiais do 18OUFF. A primeira acollerá as proxeccións de seccións paralelas e as galas de entrega do Premio Cidade de Ourense e do Premio Irmandade do Libro ao Mellor Guión Adaptado a Ángel de la Cruz. O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá proxeccións de Panorama Galicia. En ambos casos, a entrada será gratuíta ata completar o aforo.

Máis info en www.ouff.org

Categoría: Novas
Etiquetas: