O ATENEO FERROLÁN CONVIDA A PARTICIPAR NA II MOSTRA DE DOCUMENTAIS EN GALEGO

21 / 02 / 2012

En marzo do pasado ano, o Ateneo Ferrolán organizou a I Mostra de Documentais en Galego. A iniciativa naceu como unha extensión da mostra de curtametraxes que convocaba a entidade durante o mes de decembro. A importante presenza de traballos de non ficción fixo que decidisen promover unha actividade á parte. Así, o pasado ano oito obras, de seis autores distintos, conformaron a proposta inicial desta cita.
Agora, o próximo día 21 de marzo, ás 19,30 horas, levarase a cabo a segunda edición desta pequena mostra que, segundo salientan os seus organizadores, “naceu como plataforma para impulsar e difundir os documentais en galego”.

 

Deste xeito, as persoas interesadas teñen ata o próximo 3 de marzo para enviar os seus traballos cinematográficos, dentro do xénero documental e independentemente da súa duración. A organización solicita que os traballos teñan un formato DVD, acompañado dunha ficha cumprimentada cos datos do documental.
Unha vez recibidas as películas, o Ateneo levará a cabo un proceso de selección do citado material para conformar a mostra que se verá o día 21 de marzo na capela do Centro Torrente Ballester.

Apertura > O pasado ano os traballos presentados tiñan unha duración entre os 7 e os 27 minutos e trataban temas moi diversos, desde a denuncia social ata e recreación artística.
Os participantes foran Xabier Marqués Solla, con “Boca a boca”, que indagaba nas contradicións, usos, tópicos, desexos e rebeldías con relación ao decreto do plurilingüismo. Marcos Nine presentarase con tres documentais: “O sol nos chaos”, sobre o patrimonio do Concello de Amoeiro; “A fábrica (dentro de Maperlán)”, sobre unha factoría de punto de Boiro, agora un solar en ruínas, e “Manuscritos pompeianos”, unha obra de creación na que se establecía un paralelismo entre as pinturas nos muros da cidade de Pompeia e os grafitis da actualidade.
Tamén participan na mostra de documentais Manuel Iglesias Nanín, con “En medio de algures”. Transcorre nos campamentos de refuxiados saharauis de Tindouf, en Alxeria, e está protagonizado por un neno, Mohamed.
O crítico, director e guionista italiano Simone Saibene, presentara “Regreso a San Andrés”, sobre San Andrés de Teixido, e Adriana Pérez Villanueva participara con “O partido”, sobre un grupo de nenos que intenta facer un partido político. Finalmente, o colectivo BiciLab trouxera “Lembranza das Encrobas”, unha obra sobre ese lugar de Cerceda, onde durante 30 anos foron desaparecendo ate 60 aldeas ante o destrutivo avance da mina a ceo aberto que nutría de lignito á Central Térmica de Unión Fenosa, e que posteriormente encheuse con auga para facer un lago artificial.
O interese do Ateneo Ferrolán pola escena audiovisual complétase co certame de curtametraxes da entidade que, durante o pasado mes de decembro, cumpriu a súa XI edición. Nela exhibíronse no Centro Torrente Ballester 31 traballos doutros tantos creadores cinematográficos, moitos deles novos.

 

 

 

 

 

 

Categoría: Novas
Etiquetas: