ASÍ FOI O DEBATE SOBRE A DEFINICIÓN DUNHA PRODUCIÓN GALEGA, NO FORO ACADEMIA ABERTA

20 / 12 / 2005

No foro da Academia aberta 2005 abriuse un espazo de debate baixo o título Definición dunha produción galega, cun relatorio no que atendemos a tres posibles referentes –os de Cataluña, Irlanda e Quebec-, e unha mesa redonda na que entraron a debate as perspectivas de profesionais procedentes de diversos ámbitos do audiovisual: produtores, guionistas, directores, actores e técnicos. ASÍ FOI O DEBATE SOBRE A DEFINICIÓN DUNHA PRODUCIÓN GALEGA, NO FORO ACADEMIA ABERTA

No foro da Academia aberta 2005 abriuse un espazo de debate baixo o título Definición dunha produción galega, cun relatorio no que atendemos a tres posibles referentes –os de Cataluña, Irlanda e Quebec-, e unha mesa redonda na que entraron a debate as perspectivas de profesionais procedentes de diversos ámbitos do audiovisual: produtores, guionistas, directores, actores e técnicos. Como corresponde á complexidade do asunto, foron moitas e ben diferentes as voces que se escoitaron nesta dobre sesión e que se tentan sintetizar nas liñas seguintes.
En primeiro lugar, conviña discernir o contexto no que se presenta a cuestión da “galeguidade” dunha produción audiovisual e os obxectivos que con tal cuestión se procuran. Así, sobrevoou sobre as distintas intervencións a permanente dualidade do audiovisual e a importancia de lle atribuír unha nacionalidade: a defensa que isto supoña dunha cultura propia –e dun idioma, cando falamos dun territorio con lingua minoritaria-, por unha banda, e, por outra, a defensa dun sector económico xerador de emprego. Posto o acento sobre un dos dous aspectos ou buscando o equilibrio entre ambos, coincidiuse en apreciar que neste momento do que se trata é de definir os criterios que sirvan de base ós mecanismos de apoio ó audiovisual desde o novo goberno galego.
A partir de aí, sentíronse diversas opinións, que oscilaban entre algunhas destas ideas fundamentais: a de que o emprego do idioma galego é o atributo determinante; a de que o determinante é o grao de emprego de creadores e profesionais galegos ou residentes en Galicia nos proxectos; a de que sexa a participación dunha produtora galega no control e propiedade deses proxectos a que determine a súa galeguidade; a de que a galeguidade virá definida polo que cada proxecto signifique de achega á conformación dunha cinematografía propia…
Na propia pluralidade de opinións e na complexidade intrínseca da cuestión podemos achar un denominador común: poida que non se trate tanto de trazar unha liña que separe o que é unha produción galega –susceptible, por tanto, de recibir apoio financeiro institucional- da que non o é, senón de definir baremos atendendo a distintos criterios e que permitan establecer distintas liñas de apoio, permitindo a convivencia duns modelos de produción audiovisual con outros.
Na formulación deses baremos convirá, pois, acoller as diversas sensibilidades, para as que a actual paisaxe do audiovisual galego ofrece, entre outras, a voz das asociacións profesionais. Algunhas delas, coma foi o caso da dos guionistas, acudiron ó debate cunha proposta xa elaborada; outras, coma a dos actores, estaban en pleno proceso de definición; todas reclamaban ser oídas nunha cuestión transcendente para o futuro do audiovisual galego.

Categoría: Novas
Etiquetas: