AS NOVAS TELEVISIÓNS DIXITAIS PREPÁRANSE PARA FACERSE UN OCO NO MERCADO AUDIOVISUAL GALEGO

30 / 11 / 2007

A chegada da televisión dixital está a transformar profundamente o panorama audiovisual galego, nun contexto social no que tamén cambian os hábitos de consumo dos produtos de información e entretemento. Ao menos así se conclúe das intervencións que se sucederon ao longo dos dous días do Foro Academia Aberta 2007 sobre “A televisión dixital en Galicia, novas tecnoloxías, novos servizos” que remata hoxe en Santiago.
Ao mesmo tempo que a administración autonómica está a executar os traballos necesarios para a substitución ao sistema dixital da actual rede analóxica da televisión convencional en toda Galicia e desenvolve proxectos de apoio ao sector, os concesionarios das licenzas de TDT preparan as súas bazas para gañar unha cota de audiencia que lles permita a viabilidade nun mercado cada vez máis competitivo e fragmentado.

Nas súas intervencións no Foro Academia Aberta, os representantes das concesións de televisións locais amosaron a súa confianza nas oportunidades que as novas licenzas achegan á televisión de proximidade, posto que na nova etapa que se abre terán que operar cunhas obrigas legais de calidade e cobertura que antes non existían e que redundarán en beneficio dos cidadáns.

Para Xosé Manuel Dapena, director de Marketing de El Ideal Gallego, os grupos de prensa que desenvolvan estas novas canles locais contan ademáis coa vantaxe da súa experiencia no eido da información e das sinerxias que se xeneran dentro dos grupos multimedia. De xeito semellante manifestouse Marga Soilán, directora de Telelugo –Grupo El Progreso- quen subliñou o protagonismo que os xornalistas deben ter nas novas televisións. Neste sentido, indicou que o seu grupo está a facer “unha inversión tecnolóxica para poñer en marcha a televisión dos xornalistas, non dos técnicos”.

Luis Pérez, director de Correo TV –Grupo El Correo Gallego-, mostrouse optimista fronte o novo panorama, aínda que recoñeceu que só as empresas multimedia serán capaces de soportar os gastos de explotación destas televisións. Na súa opinión, tamén é necesario fuxir do telelixo e saber espertar o interese do entorno local cunha programación coidada. No mesmo aspecto dos contidos abundou Antonio Rodes, director de EPI Radio TV –Grupo Prensa Ibérica- para quen a televisión atópase nun proceso de transformación radical que conlevará a necesidade dunha industria auxiliar de produción de contidos. Pola súa banda, o director xeral de Local Media TV, Gerardo Iracheta, insistiu na importancia de mellorar a calidade como clave para gañar audiencia, especialmente no caso de grupos como Local Media –a primeira rede de televisións locais creada a nivel estatal- que xa levan tempo operando e que agora desenvolven a súa actividade con novos actores na escena.

As TDTs autonómicas

Na sesión dedicada as TDT autonómicas, Suso Iglesias, director xerente da TVG, considerou que “existe demasiada literatura e angustias sobre o escenario futuro” e lembrou que a televisión dixital “non é máis que unha tecnoloxía de substitución”, que achegará calidade e servizos interactivos que agora non existen, e que polo tanto “xerará máis traballo e riqueza ao redor dos medios audiovisuais”. Indicou que a intención da TVG e desenvolver de xeito gradual catro canles dixitais diferentes que permitan ao ente público levar a cabo as súas funcións “como televisión dun país”. Estas canles dedicaranse nun caso á programación xeneralista, noutro aos aspectos máis específicos de servizo publico, con contidos infantís, xuvenís e culturais –comezará a mediados do 2008-, en terceiro lugar un canal exclusivo de noticias –no 2009, unha vez rematado o proceso interno de dixitalización da TVG- e, posteriormente, un cuarto canal do que aínda se está a delimitar o seu plantexamento de contidos.

No que respecta aos operadores privados de ámbito autonómico, aínda que coincidían en que os avances tecnolóxicos estimulan sempre a xeración de riqueza e o crecemento dos mercados, afirmaron que a alta competitividade neste sector forzará a súa concentración e que non todos os proxectos prosperen, especialmente no caso das televisións locais. Para Carlos Carballo, responsable de TDT de Voz Audiovisual –Grupo Voz- “os que acaden un 10 por cento de cota de pantalla serán líderes” no mercado galego, “e nos loitaremos por ser líderes”, engadiu. Na súa opinión, as canles terán que recorrer ás compras sindicadas e a contidos de custos afinados, con formatos creativos, posto que o mercado publicitario medrará un pouco pero non será suficiente. Como é lóxico no caso do Grupo Voz, a información terá un peso importarte nesta TDT, sen desdeñar o entretemento e a ficción. Voz Audiovisual ten previsto poñer en marcha en Santiago as instalacións técnicas da nova emisora no 2008 e iniciar as emisións en probas a mediados ou finais do ano 2009.

Rafael Ramos, responsable da TDT de Popular TV-Cope, sinalou que o seu grupo ten a intención de emitir en dixital dende Santiago antes de que remate o presente ano –xa o fan en analóxico-, aínda que a obtención dos permisos municipais necesarios levan retraso. Neste sentido, pediu o apoio da administración pública para adaptar as instalacións así como para impulsar a antenización das vivendas. Tamén no que respecta ás infraestructuras, subliñou que os custos de emitir en dixital en Galicia son moi caros en comparación co resto do estado –pola dispersión da poboación- e pediu que a administración autonómica, a través de Retegal, axude aos operadores privados a chegar ao rural para evitar unha nova fenda tecnolóxica coas urbes. No relativo aos contidos, lembrou que o compromiso de Popular TV-Cope inclúe a emisión de catro horas diarias de programación propia en horario prime time, con informativos en galego e documentales. O obxectivo para o 2012 ou 2013 é chegar ao 3 por cento da audiencia galega.

Categoría: Novas
Etiquetas: