Un ano máis, Galicia recibe ás producións premiadas na derradeira edición dos Premis Gaudí. As mellores obras do audiovisual do cinema catalán poderanse ver nas instalacións do CGAI (Durán Loriga 10, baixo – A Coruña), entre mañá martes 28 de abril á tarde e o vindeiro xoves.
Entre o amplo programa preparado entre a Academia Galega do Audiovisual e a Academia do Cinema Catalá, nunha nova mostra de total sintonía, destacan as proxeccións de ‘El niño’ de Daniel Monzón, mañá día 28 ás 20.30h; ‘Gabor’ de Sebastián Alfil, e a curta “El corredor” de José Luís Montesinos, o día 29 ás 20.30h; e ‘Descalç sobre la terra vermella’ de Oriol Ferrer, o día 30, nesta ocasión ás 18.00 horas.
A gala de entrega dos Premios Mestre Mateo, que conceden as estatuíñas ós mellores traballos do audiovisual galego, puxeron fin o pasado sábado 11 de abril a un ano repleto de éxitos para obras producidas e realizadas en Galicia. Proximamente serán estas as que viaxen a Cataluña.
O programa de proxeccións é o seguinte:
28 de abril, 20.30h
El Niño, dirixida por Daniel Monzón, que conseguiu sete Premis Gaudí: as mellores actuacións secundarias (Bárbara Lennie e Eduard Fernández), mellor dirección de produción (Edmon Roch e Toni Novella), mellor montaxe (Mapa Pastor), mellor música orixinal (Roque Baños), mellor fotografía (Carles Gusi)e mellor son (Sergio Bürmann, Oriol Tarragó e Marc Orts).
29 de abril, 20.30h
El Corredor, de José Luís Montesinos, mellor curtametraxe.
Gabor, de Sebastián Alfie, galardoada co Gaudí á mellor película documental.
30 de abril, 18.00h
Descalç sobre la terra vermella, de Oriol Ferrer, que conseguiu facerse co premio á mellor película para televisión.