AS ASOCIACIONS DO AUDIOVISUAL GALEGO REUNÍRONSE CO PRESIDENTE DA XUNTA PARA PRESENTAR AS PRIORIDADES DO SECTOR

5 / 05 / 2008

Reunidas por primeira vez todas as asociacións empresariais e profesionais relacionadas co sector audiovisual galego (AEGA, AAAG, AGAG, AGAPI, APRADOGA, ATEGA, CREA, EGANET ) co Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, presentóuselle no día de hoxe un decálogo consensuado das prioridades que afectan ao sector .

Esta reunión deu lugar a un diálogo positivo e necesario no que se constatou a coincidencia da visión do Presidente coas demandas expresadas no decálogo. O Presidente manifestou o seu compromiso de traballar na solución dos problemas presentados, acordando constituir de inmediato unha mesa de dialogo entre a administración e o sector audiovisual, e unha próxima reunión nos vindeiros meses.

O diálogo deu lugar a varios requerimentos, e entre eles:

-Por en marcha unha política única que afecte ao sector.

-O cumprimento por parte da TVG da lei do 5%.

DECÁLOGO

DEMANDAS DO SECTOR AUDIOVISUAL GALEGO AO GOBERNO GALEGO.

1º/ Demandamos a aplicación da vixente Lei do Audiovisual de Galicia coa concreción dunha política audiovisual única para evitar a paralización do sector por mor de criterios contrapostos dentro da administración.

2º/ Demandamos a optimización das partidas orzamentarias comprometidas destinadas á industria audiovisual.

3º/ Propoñemos o establecemento dunha dotación orzamentaria especifica para que a Televisión de Galicia cumpra coa Lei do 5% segundo os criterios contables de dita lei.

4º/ Reclamamos a posta en marcha da Segunda Canle da Televisión de Galicia cumprindo o compromiso público adquirido no seu día.

5º/ Reclamamos urxentes medidas con dotación orzamentaria específica para que as obras audiovisuais galegas atopen a distribución e a promoción necesarias para facerse visibles e rendibles. Tódolos esforzos que se leven a cabo na produción tornaranse ineficaces se non empregamos o mesmo esforzo na difusión.

6º/ Demandamos unha xestión coordinada entre a Televisión de Galicia e a Axencia Galega do Audiovisual para o apoio conxunto dos formatos admitidos na Lei do 5%.

7º/ Reclamamos incrementar o esforzo inversor da Televisión de Galicia nos formatos contratados ás produtoras independentes.

8º/ Demandamos a garantía de que a adxudicación de contratos e subvencións non recaian en empresas do sector que incumpran a legalidade no tocante aos convenios colectivos vixentes.

9º/ Propoñemos a inclusión da materia audiovisual no ensino obrigatorio.

10º/ Reclamamos a participación vinculante do sector audiovisual galego nos órganos de dirección das entidades xestoras da política audiovisual galega e esiximos un organismo único que garanta o cumprimento das reivindicacións do sector.

AEGA (Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual)
AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia)
AGAG (Asociación Galega de Guionistas)
AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes)
APRADOGA (Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galicia)
ATEGA (Asociación de Técnicos de Galicia de Audiovisual)
CREA (Cineastas e Realizadores Asociados)
EGANET (Empresas Galegas Adicadas a Internet)

En representación dos asinantes do DECÁLOGO e asistentes á reunión co Presidente:

Vicente Montoto, Presidente da AAAG.

Categoría: Novas
Etiquetas: