As academias do audiovisual de toda a península debaten na Coruña sobre o presente e o futuro do sector

18 / 12 / 2017

A Coruña acolleu esta mañá o primeiro Encontro de Academias organizado pola Academia Galega do Audiovisual, no que representantes do sector de toda a península debateron sobre o presente e o futuro da profesión. O resultado da conversa, na que se trataron temas como a fronteira que separa o cinema e a televisión, o papel da muller e a busca da paridade, así como a intención compartida de incorporar a mocidade ás institucións do sector e a interconexión entre o audiovisual español e o europeo, publicarase o vindeiro día 29 de decembro, xunto cuns renovados Papeis da Academia.

Joan Álvarez Valencia, director xeral da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España; Paulo Antonio Rodrigues De Noronha Trancoso, presidente da Academia Portuguesa das Artes e Ciencias Cinematográficas; Joan Bas Viñals, vicepresidente da Academia del Cinema Català; Jesús Marco, presidente, e José Ángel Guimerá, vicepresidente, da Academia del Cine Aragonés; José Javier Paisano Vergara, presidente da Asociación de Escritores Cinematográficos de Andalucía (ASECAN), en representación da Academia del Cine y las Artes Audiovisuales de Andalucía; e Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual, compartiron as súas impresións sobre a produción no Estado, a representatividade das Academias e o seu papel en cadanseu territorio e analizaron como mellorar a relación entre as Academias, así como a súa capacidade para afrontar conxuntamente retos comúns, como a xestión da diversidade ou a promoción interna e externa da produción audiovisual da península.

A boa sintonía entre as distintas academias da península concretouse no ofrecemento da Academia do Cine Aragonés para organizar un novo encontro no último trimestre do próximo ano. Nesta segunda edición, afondarase na posibilidade -esbozada esta mañá- de realizar proxectos comúns, como a creación dunha plataforma conxunta que sirva como rede de difusión e promoción de cineastas, a elaboración  dun Pacto social polo Cine e pola Cultura ou o deseño dun programa que introduza o cinema nas escolas.

EncontroAcademias

Previamente, os representantes de todas as academias do audiovisual da península tiveron un encontro informal coas entidades do sector en Galicia, como Jacobo Sutil, director de la Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); José Manuel Sande García, concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña; Guillermo Escrigas , director Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI); Montse Besada, xefa de Contidos da CRTVG; Dolores Ben, presidenta, e Uxía Caride, xerente, de AGAPI; Jorge Algora, presidente do Clúster Audiovisual de Galicia; Ángeles Huerta, vicepresidenta primeira de CREA; Manane Rodríguez, en representación de CIMA ou Isabel Blanco Picallo, delegada en Galicia de AISGE. Adxuntamos unha fotografía deste encontro coas entidades galegas.

Categoría: Novas
Etiquetas: