O AUDIOVISUAL GALEGO CAMIÑO DE SITUARSE Á CABEZA NO MUNDO EN CANTO A PRESENZA EQUITATIVA DE HOMES E MULLERES

4 / 11 / 2015

OS PREMIOS DA ACADEMIA, RADIOGRAFÍA DESTA SINGULARIDADE (E DO GRAN TALENTO DAS PROFESIONAIS GALEGAS)

A reivindicación da actriz Patricia Arquette -gañadora do Óscar pola súa interpretación en Boyhood– denunciando a desigualdade salarial entre profesionais mulleres e homes na industria do cine en EE.UU., podería facerse extensiva a todo o mundo. Pero o que desde CIMA -Asociación de Mulleres do Audiovisual- levamos anos reivindicando vai moito máis alá: unha presenza equitativa da muller na creación, autoría e postos de responsabilidade nos medios audiovisuais para contribuír a crear unha sociedade máis igualitaria e diversa. Porque se a preparación e o talento non distingue sexos, por que son moito menores as oportunidades das profesionais mulleres para ocupar estes postos?

MabelRivera (2)

A muller é máis minoría hoxe no cine de Hollywood que hai dezasete anos segundo o estudo que cada ano publica “The Celluloid Ceilling” -Centro de Estudos da Muller no Cine e na TV da Universidade de San Diego- que fala das diferenzas de xéneros na Industria Cinematográfica dos EE.UU. No 2014 Angelina Jolie, coa súa segunda longametraxe Invencible, foi a única muller directora entre as 100 películas con maior recadación. E non é por unha cuestión de talento, senón polo escaso número de mulleres profesionais que dan chegado a formar parte desta industria: en dirección un 7%, un 5% en fotografía ou en son, e tan só un 1%conseguen asinar un traballo como compositoras. As porcentaxes soben a un 11% en montaxe, 15 % en guión, 19% en produción executiva e chegando ao 23% como produtoras. Pero o máis preocupante é que entre as 250 películas de maior recadación nos EE.UU., do ano pasado, no 38% non teñen ningunha ou tan só unha muller contratada nestes cargos, e só o 3% superan a cifra de 10 mulleres nos equipos. Ou o que vén sendo o mesmo: os produtores non dan a oportunidadeás mulleres para chegar a formar parte da industria audiovisual.

O número de traballos realizados ou producidos por mulleres que conseguen ser premiados en festivais ou academias de cine é a radiografía do sector: as porcentaxes de premios son moi inferiores ás dos homes, precisamente, porque o número de traballos cunha muller na dirección, guión, produción… é escaso.E porque tamén é escasa a presenza de mulleres formando parte dos xurados de festivais e mesmo como programadoras, o que contribúe a que, por riba de ser moi inferiores en número, é moito máis complicada a visibilidade das obras con autoría feminina.

Pola contra,o que cada ano queda patente nos Mestre Mateo é que, lonxe de estar equilibrada a presenza de mulleres en postos de responsabilidade na nosa Comunidade –sobre todo en dirección-, Galiza é a primeira Comunidade que camiña cara á normalización en canto a cuestións de xénero desta industria cultural-emoi probablemente de todos aquelespaíses que contancunha cinematografía desenvolvida-, e o constata o número de premios recollidos por mulleres na XIII edición, superando xa o 50%, o que constitúe, sen dúbida algunha, un excepcional fito histórico.

Ademais dos premios que habitualmente recollen mulleres coma os de Perruquería e Maquillaxe ouVestiario –Susana Veira e Mar Fraga-;tamén o recolleron nesta edición Marga Pazoscomo Mellor Comunicadora de TV;Premio ao Mellor Videoclip –Olga Osorio-;Mellor Guión –Jaione Camborda-;Mellor Documental –Susana S. Recouso-; Anuncio Publicitario –Virginia Curiá-;Programa de Televisión –Pilar García Rego-; ou Mellor Longametraxe de Animación –Mamen Quintas-;e Curtametraxe de Ficción –Elena Olivares-;e até Mellor Compositora –Zeltia Montes-. As actrices Mabel Rivera e Ledicia Sola conseguiron o premio á Mellor Protagonista e Actriz de Reparto, e tamén o Premio de Honra foi para a veterana actriz Fely Manzano, polo que un total de catorce mulleres subiron a recoller outros tantos premios dos 26 que concede a Academia Galega do Audiovisual, superando así a porcentaxe histórica do pasado ano en que foron 13 os premios recollidos por mulleres.

Se partimos da base de que son os produtores quen deciden as contratacións dos equipos, estou segura de que algunha responsabilidade desta elevada presenza feminina nos premios –e, por tanto, de seren escollidas para realizar os traballos que deron pé a obtelos- a ten o extraordinario número de mulleres produtoras que están ao fronte das empresas audiovisuais galegas. Sen poder dispor dunha estatística científica atrévome a afirmar que na nosa Comunidade supéramos o 80% da totalidade cando a media estatal está no 21%-. Aí están e segue a medrar o número de mulleres produtoras comoSusana Maceiras, Zaza Ceballos, Emma Lustres, Luisa Romeo, Manane Rodríguez, Margarita Ledo, Cani Martínez, Sara Horta, Mara Gutiérrez, Inma Castaño, Montse Besada, María Arochena, Dolores Ben, Fernanda del Nido, Mamen Quintas, Inma Castaño, Carme Rábade, Teresa F. Valdés, Isabel Rey, Sonia Méndez, Pilar Comesaña, María Liaño, Elisa Saldaña, Amalia Mato,Pilar Sueiro, Beatriz Legerén… todas elas con recoñecida traxectoria internacional.

Non cansarei de repetir que se na primeira década do século XXI o Audiovisual galego destacaba como elemento diferenciadorno panorama internacional polaemerxente e innovadora industria da Animación, nesta segunda década é o protagonismofeminino do noso Audiovisual o que nos singulariza e sitúa á cabeza dos países desenvolvidos cinematograficamente. Se continuamos dando a visibilidade que merecen as nosas profesionais, con moita probabilidade chegaremos a ser o primeiro país do mundo que acade a presenza equitativa de homes e mulleres na industria audiovisual.

Atravesamos momentos nos que escasean os motivos de celebración polo que non debemos desperdiciar esta boa ocasión para felicitarnos por ter acadado esta estatística que amosa a capacidade e calidade das nosas profesionais e coa que, máis importante aínda, poder estimular ás futuras profesionais que enchen –tamén maioritariamente- as aulas de facultades e escolas de Cine.