ESTRELAS ANIMADAS

27 / 10 / 2015

Cada vez que en Algarabía Animación nos enfrontamos a un novo traballo comezamos da mesma maneira: pensando. Isto de pensar é o máis duro e tamén o máis gratificante, a min lémbrame a ir de compras, non me apetece nunca, paréceme súper cansado pero se ao final consigo mercar algo interesante marcho contenta para a casa. Pensar ideas é duro porque teño que espremer moito o meu cerebro ata que sae a idea, teño que descartar moitas e ir pulindo as mellores ata que por fin unha convénceme. Unha vez chegados aí, agora hai que convencer a Tomás, iso si que é difícil! Por suposto que el tamén vai pensando á vez e tenta convencerme de que as súas ideas son as mellores. O normal é que pasemos uns cantos días discutindo (sen chegar ás mans), que se a miña é moi boa, que se a túa non ten graza, que se o presuposto non da para rodar iso, que se esa ida de olla non é o que pediu o cliente… Hai veces que tardamos bastante en poñernos de acordo, outras veces as musas están máis traballadoras e de seguido se nos prende a luceciña, o que está claro é que sempre que presentamos unha idea a un cliente, esta convéncenos plenamente aos dous.

No caso de Alarma, ya es Navidad tíñamos dúas ideas moi boas e moi diferentes, unha de Tomás e outra miña, de maneira que presentamos as dúas propostas á axencia de publicidade Imaxe, eles revisáronas e presentáronllas ao departamento de marketing de Estrella Galicia. Nese momento puidemos dedicarnos a outros proxectos xa que as propostas pasan por distintos filtros e tardan uns días en contestar, iso si, en canto contestan hai que poñerse rápido a traballar xa que o Nadal vense enriba. Para comezar elixiron unha das ideas, ¿a de Tomás?… ¿a miña?… ¿que mais dá?

Normalmente fannos algunhas indicacións, pequenas variacións para que estea perfectamente ao seu gusto e cando xa por fin o story está aprobado, non hai un segundo que perder: a preparar decorados, a facer gorros, bufandas, olliños, cascos espaciais e todo o necesario para a rodaxe. Despois ven o máis divertido, a rodaxe en si, as actrices pórtanse moi ben, son puntuais, quédanse nas súas marcas, traen os seus guións ben aprendidos, iso si usamos dobres de luces para que non se cansen “as estrelas”.

Mentres imos rodando, Gastón Rodríguez comeza a compoñer a música. primeiro enviámoslle o story e conforme imos tendo planos rodados imos substituíndo estes no animatic que se vai convertendo na película. Gastón vai tendo así o material de vídeo actualizado e pode traballar sobre a imaxe en movemento.

Agora xa queda menos, pero o tempo bótase enriba e Tomás ten que andar correndo para terminar toda a postprodución do spot, non só se trata de facer os efectos especiais e montar, tamén corrixe problemas de rodaxe, borra arames de suxeición de personaxes, disimula algún elemento que se moveu cando non debía, recompón fondos, etalona, engade efectos de son, etc. Como un polbo.

Neste momento e antes de envialo a Imaxe, invitamos a uns amigos para que vexan o spot con ollos críticos, pero como son amigos pois encántalles, jeje. A pesar de todo seguímoslle pedindo que vexan os nosos traballos por se hai algo que non se entende ou se ven algo raro que a nos se nos escapara. A Raquel, á nosa filla, tamén llo ensinamos. Ela cos seus 17 anos é moi sincera cos seus pais, tras varios visionados e silencios incómodos afortunadamente tamén pasamos ese filtro, ¡buf, que alivio!

Listo, traballo terminado, envíase a Imaxe, a eles gústalles moito e envíanllo a Estrella Galicia, tamén o ven e tamén lles gusta. ¡TRABALLO APROBADO!!!!

Como xa estamos en decembro hai que mandalo rápido á Academia para participar nos Mestre Mateo, aínda que sabemos que como xa levamos o Mestre Mateo o ano pasado é difícil repetir dous anos seguidos.

¡Menuda sorpresa! Por segundo ano consecutivo levamos o Mestre Mateo ao Mellor Spot Publicitario con Estrella Galicia. Dámoslle moito mérito a este premio porque a competencia é extraordinaria e o feito de ser outorgado polos membros da Academia fainos sentir moi valorados e queridos dentro do sector audiovisual galego. ¡Hala, a seguir traballando para o ano que ven!