ANGROIS NO ESQUECEMENTO, O QUE QUEDABA POR CONTAR DUN ACCIDENTE QUE NON DEBERA SER TAL

27 / 10 / 2015

Que pasou con todos os que convertemos en protagonistas aquel 24 de xullo e dos que non se volveu falar? Isto era o que nos roldaba na cabeza, nove meses despois de que o tren Alvia que facía o percorrido Madrid-Ferrol deixase nas vías de Angrois 81 mortos e máis de 140 feridos.

Somos catro traballadores do “audiovisual de diario”, dos que temos pouco tempo para planificar o que contar e como contalo, pero que vivimos a carón dos protagonistas e das historias reais que acontecen no país. E a miúdo ese “pensamento” do Cibrán da Esmorga tamén nos roe por non volver saber dos que un día foron vítimas ou heroes das nosas historias.

Así que sen maior pretensión que o de facer pequenos retratos da xente que quedara marcada polo accidente do Alvia 04155 comezamos a nosa andaina, ambiciosa para os recursos que tiñamos. E o resultado foi algo co que non contabamos nun principio: un único relato composto das moitas vivencias dos seus protagonistas. Pero non foi a historia daquel 24 de xullo de 2013 que encheu os informativos, é a das semanas, os meses que viñeron despois cando xa non había cámaras e ninguén alleo preguntaba “Como foi aquilo?” e “como vas?”

E pouco máis facía falta ca esta pregunta para que os verdadeiros protagonistas comezasen a contar, traendo ao presente recordos que levaban meses intentando organizar na súa cabeza e tamén facéndonos conscientes a todos da súa impotencia ante un accidente que non debera ser tal. E así comezou a medrar Angrois no esquecemento, como un rolo de palla, feito de moitas pequenas vivencias que unha vez xuntas contan a historia que é a dos que saen no documenta e a de moitos outros que a viviron aquel día.

Angrois no esquecemento non segue a maioría das pautas do proceso de creación documental dos manuais do audiovisual así que é probable que non sirva de paradigma nas escolas. Xorde dunha necesidade de contar dos propios protagonistas e nosa tamén, pero nin sequera con formato documental. Así que non houbo sinopse previa, nin tratamento, nin guión técnico nin literario. O que había era alguén que escoitaba á xente que tiña moito que dicir e que intentaba facerllo saber ao resto da sociedade. E seguramente este foi o mérito do documental. O de ter a posibilidade, como espectadores, de escoitar o que aqueles que o padeceran tiñan necesidade de nos contar. Por iso se senten propias as súas reivindicacións, de verdade, de xustiza, de que se asuman as responsabilidades por todas as neglixencias que se deron neste accidente.

E á par de Angrois no esquecemento naceu Lentes Diverxentes, que vimos sendo aqueles que un día decidimos levar á pantalla unha desas historias que tantas veces falamos que se deberían contar. Somos un colectivo audiovisual sen ánimo de lucro que xorde da necesidade de contar o que non se conta, e de darlles voz aos que non conseguen facerse oír. Queremos que o noso traballo sirva para amosar a inxustiza e a desigualdade, para poñerlle cara a quen o sofre e intentar colaborar na reflexión cidadá e no cambio.

E se hai un ano estabamos cheos de dúbidas sobre se poderiamos chegar a algún lugar con este proxecto, hoxe temos algunha menos grazas á traxectoria que tivo Angrois no esquecemento, que nunca agardamos. Foi unha mostra de que a sociedade quere saber máis do que contan os medios tradicionais; quere coñecer as historias da boca dos propios protagonistas, respectando os seus tempos, os medos a facelo público e tamén os seus silencios. E ese é o noso propósito, contar, sen présa, o que consideramos que debe ser contado por e para o interese común.